Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA EXPRESA O SEU APOIO ÁS TRABALLADORAS DO CONSORCIO GALEGO DE IGUALDADE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o apoio do goberno local ás reivindicacións das traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e especialmente ás da escola Galiña Azul na vila, coas que se reuniu onte. “Estamos a falar de persoal que ten máis de oito ou trece anos de antigüidade, que en moitos casos pasou por unha oposición, e que precisa unha solución máis xusta”, explicou o alcalde, en referencia á OPE anunciada pola Xunta.

Segundo explicaron as propias traballadoras afectadas, a Xunta anunciou unha Oferta Pública de Emprego na que están incluídas unhas 1.200 prazas das 1.500 que ten o Consorcio, tanto nas 150 escolas da Galiña Azul como en centros de día, residencias e outros servizos dependentes deste organismo. Máis do 90% da plantilla do Consorcio son traballadoras e traballadores temporais e practicamente todos os seus postos están na OPE, explicaron.

O colectivo afectado denuncia que a Xunta abusou da temporalidade ata situar a maior parte dos empregos en fraude de lei e chama a atención sobre as consecuencias que a oferta de emprego pode representar para a continuidade, a estabilidade e a calidade destes servizos públicos. As traballadoras recordan tamén que ao longo do tempo, e en diferentes procesos, moitas delas xa aprobaron un concurso oposición.

As traballadoras do Consorcio están a facer folga cada martes desde o pasado 30 de marzo.