Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO ORGANIZA UN TALLER DE CALISTENIA PARA DAR A COÑECER O NOVO PARQUE DESTA PRÁCTICA DEPORTIVA

O Concello de Cedeira organiza para hoxe, martes día 24 de agosto, un obradoiro de calistenia para que os rapaces e rapazas aprendan as técnicas básicas desta disciplina deportiva e coñezan as novas instalacións que para a súa práctica creou a administración municipal no paseo da Madalena. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que esta é unha actuación xurdida ao abeiro dos primeiros orzamentos participativos do Concello e que foi votada polo alumnado de 4º da ESO do IES Punta Candieira, polo que responde a unha demanda real da mocidade cedeiresa.

A calistenia é unha disciplina deportiva que está a gañar moitos seguidores. Practícase ao aire libre e precisa unicamente de elementos moi sinxelos, como as barras, bancos e espaleiras que forman o parque de Cedeira, aberto a calquera persoa que queira facer deporte. Neste tipo de ximnasia realízanse exercicios de carácter aeróbico, cardiovascular, de forza, musculatura ou flexibilidade, nos que se emprega o peso corporal.

Para que as persoas interesadas aprendan a sacarlle partido as novas instalacións, o Concello invita a participar no taller que terá lugar hoxe, de 19.00 a 20.30 horas. A actividade vai dirixida a maiores de 12 anos e a participación será gratuíta e por orde de chegada, mantendo o distanciamento e demáis medidas de prevención pola covid.

O CONCELLO CONTRATA OBRAS PARA A POSTA AO DÍA DO LOCAL SOCIAL DA CARBALLA, NA PARROQUIA DE MONTOXO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente tres contratacións dirixidas a resolver as deficiencias que presenta o local anexo á pista deportiva de Carballa, na parroquia de San Xulián de Montoxo. Así, vanse executar obras de rehabilitación e tamén melloras na carpintería metálica e de madeira do inmoble, que en conxunto suman máis de 44.000€ (IVE incluído). Segundo informou o goberno local, son actuacións que se acometen con cargo aos remanentes do presuposto do ano pasado, incorporados ao actual a través dunha modificación de crédito que aprobou o pleno en maio, e que van poñer ao día unhas instalacións que son moi empregadas pola veciñanza para o desenvolvemento de actividades de ocio e tamén como lugar de reunión.

Así, por unha banda, a empresa Prieto Mouriz presentou a oferta máis ventaxosa para realizar as obras de rehabilitación e acondicionamento interior do local. Estas consistirán na demolición de tabiquería e creación de novos ocos, reposición do chan, renovación da instalación eléctrica e pintura. A empresa realizará as obras por un presuposto de 17.472,40€ (IVE incluído).

A Carpintería López y Villadónica encargarase, por un presuposto de 12.552,90€ (IVE incluído), da colocación dunha viga metálica de reforzo para a sustentación da cuberta, así como do subministro e colocación e ventás e soleiras da cociña e baños e da porta de acceso ao local.

Por último, Muebles y Carpintería García vai realizar os traballos de subministración e colocación das portas interiores, de madera de sapely, así como de execución do falso teito e o solado con tarima vinílica e alicatado dos baños. O orzamento desta parte das obras é de 14.157€ (IVE incluído).

UN CONCERTO E XOGOS POPULARES, PROPOSTAS PARA O PÚBLICO FAMILIAR NA PRÓXIMA FIN DE SEMANA

O Concello de Cedeira segue a desenvolver espectáculos e actividades que apostan por un formato adaptado á situación sanitaria e permiten gozar do tempo de lecer de xeito seguro e sen riscos. A programación dos vindeiros días conta con dous eventos gratuítos e ao aire libre, ambos os dous dirixidos ao público familiar.

Así, o sábado día 21, o músico coruñés Pablo Díaz ofrecerá un concerto a dúo no escenario situado na Praza Roxa, desde as 19.30h. Este artista forma parte de varios grupos musicais, como Donaire, e conta cunha longa experiencia no folcklore tradicional. Destaca sobre todo no ensino musical, conseguindo achegar estes sons aos máis pequenos da casa.

O domingo será unha xornada adicada ao lecer e a recuperar as tradicións coa axuda da proposta “Os xogos do Paporrubio”. O galiñeiro, a casa do rato ou a carreira das tartarugas, entre moitos outros xogos populares estarán acompañados dos contos do Paporrubio, o paxaro máis pequeno e rebuldeiro. Será na zona de San Isidro desde as 17.30h.