Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CONTRATA OBRAS PARA A POSTA AO DÍA DO LOCAL SOCIAL DA CARBALLA, NA PARROQUIA DE MONTOXO

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente tres contratacións dirixidas a resolver as deficiencias que presenta o local anexo á pista deportiva de Carballa, na parroquia de San Xulián de Montoxo. Así, vanse executar obras de rehabilitación e tamén melloras na carpintería metálica e de madeira do inmoble, que en conxunto suman máis de 44.000€ (IVE incluído). Segundo informou o goberno local, son actuacións que se acometen con cargo aos remanentes do presuposto do ano pasado, incorporados ao actual a través dunha modificación de crédito que aprobou o pleno en maio, e que van poñer ao día unhas instalacións que son moi empregadas pola veciñanza para o desenvolvemento de actividades de ocio e tamén como lugar de reunión.

Así, por unha banda, a empresa Prieto Mouriz presentou a oferta máis ventaxosa para realizar as obras de rehabilitación e acondicionamento interior do local. Estas consistirán na demolición de tabiquería e creación de novos ocos, reposición do chan, renovación da instalación eléctrica e pintura. A empresa realizará as obras por un presuposto de 17.472,40€ (IVE incluído).

A Carpintería López y Villadónica encargarase, por un presuposto de 12.552,90€ (IVE incluído), da colocación dunha viga metálica de reforzo para a sustentación da cuberta, así como do subministro e colocación e ventás e soleiras da cociña e baños e da porta de acceso ao local.

Por último, Muebles y Carpintería García vai realizar os traballos de subministración e colocación das portas interiores, de madera de sapely, así como de execución do falso teito e o solado con tarima vinílica e alicatado dos baños. O orzamento desta parte das obras é de 14.157€ (IVE incluído).