Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ORGANIZA UN TALLER DE CALISTENIA PARA DAR A COÑECER O NOVO PARQUE DESTA PRÁCTICA DEPORTIVA

O Concello de Cedeira organiza para hoxe, martes día 24 de agosto, un obradoiro de calistenia para que os rapaces e rapazas aprendan as técnicas básicas desta disciplina deportiva e coñezan as novas instalacións que para a súa práctica creou a administración municipal no paseo da Madalena. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que esta é unha actuación xurdida ao abeiro dos primeiros orzamentos participativos do Concello e que foi votada polo alumnado de 4º da ESO do IES Punta Candieira, polo que responde a unha demanda real da mocidade cedeiresa.

A calistenia é unha disciplina deportiva que está a gañar moitos seguidores. Practícase ao aire libre e precisa unicamente de elementos moi sinxelos, como as barras, bancos e espaleiras que forman o parque de Cedeira, aberto a calquera persoa que queira facer deporte. Neste tipo de ximnasia realízanse exercicios de carácter aeróbico, cardiovascular, de forza, musculatura ou flexibilidade, nos que se emprega o peso corporal.

Para que as persoas interesadas aprendan a sacarlle partido as novas instalacións, o Concello invita a participar no taller que terá lugar hoxe, de 19.00 a 20.30 horas. A actividade vai dirixida a maiores de 12 anos e a participación será gratuíta e por orde de chegada, mantendo o distanciamento e demáis medidas de prevención pola covid.