Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

A Xunta acaba de publicar no DOG as medidas de prevención que afectarán a toda Galicia

Atendendo á evolución da crise sanitaria, a Xunta acaba de publicar no DOG as medidas de prevención que afectarán a toda Galicia:

  • Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas.
  • Discotecas e outros locais de lecer nocturno permanecerán pechados.
  • O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes, tanto entre os situados na barra como nas mesas ou agrupacións de mesas.
  • No caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas.

Recoméndase:

  • Restrinxir os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e limitar as reunións a un máximo de 10 persoas.

A presente orde producirá efectos desde as 00:00 h do 17 de agosto.

Na seguinte ligazón pode accederse ao texto íntegro da ORDE do 15 de agosto de 2020 publicada no DOG:

IR Á LIGAZÓN ORDE do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

O Goberno Municipal chama á responsabilidade de cada veciño/a para protexerse da covid-19 e tamén protexer aos demais

Agosto é un mes que a calquera persoa de Cedeira evócalle reunións, comidas en familia e cos amigos e amigas, celebracións, festas… Como todos sabemos, por responsabilidade e compromiso coa saúde da veciñanza, este ano a Corporación Municipal decidiu prescindir das actividades que caracterizan as festas de Cedeira, dentro do paquete de medidas aplicadas para reducir a incidencia da Covid-19 na nosa vila.

Dende o Concello de Cedeira e seguindo as recomendacións e normativa en materia de saúde pública dos organismos competentes, vémonos na obriga de pedirvos a todas e todos nestas datas tan emotivas que escollades ter unha actitude responsable e evitedes as grandes celebracións que poidan poñer en perigo as persoas que máis queredes, as que máis achegadas están a cada un e unha de vós.

Queremos tamén informarvos que a Xunta de Galicia mediante a Resolución de 17 de xuño de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade prohibe expresamente o botellón, e dicir, o consumo de alcol en espazos públicos.

No caso da Xira, pola imposibilidade de controlar as ocupacións e garantir que a actividade se desenvolva coas medidas óptimas de seguridade, este ano queda suspendida e recomendámosvos a todos e todas que non acudades ao tradicional xantar que se celebraría o 17 de agosto.

Non debemos esquecer as medidas de seguridade nun momento onde a saúde persoal e comunitaria debe ser a nosa prioridade e por compromiso coa veciñanza cada un de nós ten a responsabilidade de protexerse para tamén protexer aos demais.

Chegarán novas festas, bailaremos e cantaremos con quen escollamos facelo, mais este ano a prudencia é a mellor compaña que podemos ter.

A partir de mañá poden solicitarse as subvencións municipais para clubs e entidades deportivas correspondentes ao 2020

Desde mañá martes 4 de agosto e ata o próximo 24 do mesmos mes, os clubs e entidades deportivas inscritas no rexistro municipal de asociacións do Concello de Cedeira poderán presentar a súa solicitude de subvención tanto para investimentos como para actividades para o ano 2020.

As subvencións para actividades teñen como finalidade apoiar e mellorar a práctica deportiva dos clubs e entidades deportivas, subvencionando os programas de actividades deportivas a desenvolver, referidos a proxectos de iniciación deportiva, fomento da práctica e competición deportiva; podendo consistir en programas, eventos ou competicións deportivas concretas ou na actividade ordinaria anual do club ou entidade deportiva solicitante.

Pola súa banda, as axudas para investimentos teñen como finalidade apoiar e mellorar a práctica deportiva dos clubs e entidades deportivas subvencionando investimentos de natureza inventariable tales como inmobles, mobles ou outros susceptibles de inventario cun custo superior a 100,00 €. O obxecto do investimento deberase manter no inventario da entidade ou asociación beneficiaria durante un mínimo de dous anos, contando dende o momento da súa adquisición.

O procedemento asignado para a concesión das distintas solicitudes tanto para as subvencións de actividades como de investimentos será en réxime de concorrencia competitiva, mediante a aplicación dos criterios de concesión que se desenvolven nas bases e que son: o fomento do coñecemento do deporte base, fomento da participación feminina no deporte, organización de actividades, torneos, eventos, etc., antigüidade do club, número de deportistas que compoñen o club ou entidade deportiva, número de técnicos deportivos titulados e acreditados., menor importe da cota mensual, emprego da lingua galega , e compromiso de colaborar coa Concellería de Servizos Sociais para que ningún menor en risco de exclusión social quede fóra dos clubs ou entidades deportivas por razóns económicas.

Nas seguintes ligazóns poden descargarse as bases das axudas publicadas que inclúen os anexos coas solicitudes e demais documentación requerida:

IR Á LIGAZÓN Bases reguladoras para a concesión de subvencións para actividades a clubs e entidades deportivas de Cedeira para o exercicio 2020

IR Á LIGAZÓN Bases reguladoras para a concesión de subvencións para investimentos a clubs e entidades deportivas de Cedeira para o exercicio 2020