Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

AVISO SOBRE SUBVENCIÓNS DESTINADAS A ENTIDADES E ASOCIACIÓNS DEPORTIVAS DE ÁMBITO MUNICIPAL DE CEDEIRA PARA O ANO 2021

O BOP ven de publicar o anuncio da aprobación das bases reguladoras da convocatoria pública de subvencións destinadas a entidades e asociacións deportivas de ámbito municipal de Cedeira para o ano 2021.

O obxecto desta convocatoria é a promoción e impulso de actividades deportivas coa finalidade de fomentar un uso activo e creativo do ocio.

As presentes bases terán como finalidade apoiar e mellorar a práctica deportiva dos clubs e entidades deportivas, subvencionando os programas de actividades deportivas a desenvolver eos investimentos realizados, referidos a proxectos de iniciación deportiva, fomento da práctica e competición deportiva; podendo consistir en programas, eventos ou competicións deportivas concretas ou na actividade ordinaria anual do club ou entidade deportiva solicitante.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles a contar dende o día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, unha vez publicada a convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Pódese descarga o texto integro do BOP na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN anuncio da aprobación das bases reguladoras da convocatoria pública de subvencións destinadas a entidades e asociacións deportivas de ámbito municipal de Cedeira para o ano 2021

OS NOVOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS PROTAGONIZAN O NOVO NÚMERO DO BOLETÍN “AS7PARROQUIAS”

O Concello de Cedeira vai distribuír estes días entre a veciñanza un novo número, o 17, do boletín “As7Parroquias”, no que informa das principais novidades e logros do traballo municipal nos últimos dous meses. Desta volta o boletín destaca na súa portada a aprobación dos novos orzamentos municipais, que poñen o acento no eido dos servizos sociais, e tamén o compromiso acadado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para retomar as xestións e poñer en marcha a ampliación do Centro de Saúde de Cedeira.

“As7parroquias” detalla tamén as obras que están en marcha ou que remataron recentemente, e os principais proxectos de investimento que se consignaron nas contas de 2021. Informa tamén da reserva de 70.000 euros para lanzar unha nova convocatoria de axudas municipais a empresas e autónomos, coa finalidade de paliar os efectos da pandemia, así como dos fondos adicados a sufragar actividades do tecido asociativo da vila.

A aprobación por primeira vez na historia de Cedeira duns orzamentos participativos, que se elaboraron por parte do alumnado de 4º da ESO do IES Punta Candieira, e a moción unánime dos grupos municipais para cubrir o patio do Areal do CEIP Nicolás do Río son outros dos temas que aborda o boletín, no que tamén se dá conta da finalización da redacción do proxecto para a recuperación integral do curso medio do río Condomiñas.

A contraportada de “As7Parroauias” está adicada, como é habitual, ao tecido asociativo da localidade. Nesta ocasión ofrece unha reportaxe sobre ABAC, a Asociación de Benestar Animal de Cedeira, e o seu traballo polo control das colonias de gatos.

DESCARGA PDF Boletín “As7Parroquias”

O CONCELLO DE CEDEIRA RETOMA AS XEORRUTAS NOS VINDEIROS FESTIVOS DE SEMANA SANTA

O Concello de Cedeira retoma nos próximos días festivos as Xeorrutas, un programa de visitas guiadas aos lugares de máis interese xeolóxico do municipio que desenvolve desde o ano 2016 con grande éxito. Desta volta, os percorridos adáptanse ás restricións pola pandemia e están limitados a grupos de cinco persoas, que poden inscribirse con anterioridade na Oficina de Turismo. Están programadas tres rutas: a do cromo, para este xoves 1 de abril; a dos cantís para o venres 2, e a das praias negras, para o domingo 4.

Desde o Concello recordan que as Xeorrutas son un importante programa cara á consecución do Xeoparque do Cabo Ortegal, unha candidatura xa presentada á Unesco e na que están implicados os concellos de Cariño, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, xunto co de Cedeira.

Xeorruta do cromo: o xoves, día 1 de abril, de 10.00 a 14.00 horas (a partir de 6 anos). Este é un percorrido para descubrir os cantís máis elevados da Europa continental e unhas rochas presentes na zona, moi pouco habituais, nas que foron atopadas interesantes acumulacións de cromo e platino. O grupo coñecerá tamén unha salientable falla que cruza toda a Serra da Capelada.

Xeorruta dos cantís: o venres, día 2 de abril, de 16.30 a 19.30 horas (a partir de 6 anos). Os participantes poderán tocar rochas que estaban a 70 quilómetros de profundidade na terra ou no fondo do océano e que emerxeron pola colisión de dous supercontinentes hai 350 millóns de anos. Tamén neste percorrido son destacables as vistas da Serra da Capelada.

Xeorruta das praias negras: o domingo, día 4 de abril, de 10.00 a 16.00 horas (a partir de 16 anos). Unha excursión para coñecer a única praia de area negra non volcánica do planeta, a de Teixidelo, así como a fervenza e a falla que percorre a zona.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente chamando ao número de teléfono 981 482 187 ,enviando un correo electrónico a mar.lopez@cedeira.gal ou ven a través do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com