Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA RETOMA AS XEORRUTAS NOS VINDEIROS FESTIVOS DE SEMANA SANTA

O Concello de Cedeira retoma nos próximos días festivos as Xeorrutas, un programa de visitas guiadas aos lugares de máis interese xeolóxico do municipio que desenvolve desde o ano 2016 con grande éxito. Desta volta, os percorridos adáptanse ás restricións pola pandemia e están limitados a grupos de cinco persoas, que poden inscribirse con anterioridade na Oficina de Turismo. Están programadas tres rutas: a do cromo, para este xoves 1 de abril; a dos cantís para o venres 2, e a das praias negras, para o domingo 4.

Desde o Concello recordan que as Xeorrutas son un importante programa cara á consecución do Xeoparque do Cabo Ortegal, unha candidatura xa presentada á Unesco e na que están implicados os concellos de Cariño, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, xunto co de Cedeira.

Xeorruta do cromo: o xoves, día 1 de abril, de 10.00 a 14.00 horas (a partir de 6 anos). Este é un percorrido para descubrir os cantís máis elevados da Europa continental e unhas rochas presentes na zona, moi pouco habituais, nas que foron atopadas interesantes acumulacións de cromo e platino. O grupo coñecerá tamén unha salientable falla que cruza toda a Serra da Capelada.

Xeorruta dos cantís: o venres, día 2 de abril, de 16.30 a 19.30 horas (a partir de 6 anos). Os participantes poderán tocar rochas que estaban a 70 quilómetros de profundidade na terra ou no fondo do océano e que emerxeron pola colisión de dous supercontinentes hai 350 millóns de anos. Tamén neste percorrido son destacables as vistas da Serra da Capelada.

Xeorruta das praias negras: o domingo, día 4 de abril, de 10.00 a 16.00 horas (a partir de 16 anos). Unha excursión para coñecer a única praia de area negra non volcánica do planeta, a de Teixidelo, así como a fervenza e a falla que percorre a zona.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente chamando ao número de teléfono 981 482 187 ,enviando un correo electrónico a mar.lopez@cedeira.gal ou ven a través do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com