Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA A CONSTRUCIÓN DUN SKATE BOWL E UNHA TIROLINA NO PARQUE DO CAMIÑO REAL DA MADALENA

O Concello de Cedeira acaba de publicar, na Plataforma de Contratación do Sector Público, a licitación do proxecto para construír un skate bowl e unha tirolina no parque do Camiño Real da Madalena. Tal como explica o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é unha intervención que conta cun presuposto de 126.012,82€ (IVE incluído) e coa que o goberno local ten o obxectivo de “sumar novos atractivos na vila para a infancia e a mocidade, en definitiva ás familias, nun espazo próximo á praia, con arborado e con todos os elementos para gozar do aire libre con tranquilidade e seguridade”.

O skate bowl ou bañeira de patinaxe ocupará o lugar no que agora hai unha fonte circular sen uso. Trátase dunha pista para skaters, cunha unha superfie irregular e pendientes e formas redondeadas. Terá unha profundidade máxima menor a un metro e pendientes de entre 80 e 90 centímetros, de maneira que ofreza seguridade aos principiantes e que sexa suficientemente atractiva para aqueles máis experimentados co monopatín. A instalación para patinar será de 176 metros cadrados, aínda que a superficie total, co perímetro habilitado, será de 264 metros cadrados.

A tirolina se situará preto da randeeira hexagonal que hai nun dos parques de xogos da zona. Terá 28 metros de largo, cunha altura de catro metros na salida e tres na chegada, e o percorrido terá solo de caucho. Cómpre recordar que o goberno local ten tamén o proxecto de construír neste parque infantil unha cuberta que protexerá da choiva e o vento case toda a zona de xogos, salvo a devandita randeeira.

O concurso para o skate bowl e a tirolina convócase polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 15 de abril para presentar as súas ofertas. O plazo de execución será de tres meses.

A Plataforma de Contratación do Sector Público publicou tamén estes días a licitación do proxecto de saneamento na rúa Amor Hermoso e está aberto, igualmente, o concurso para as obras de rehabilitación estrutural e do pavimento do anel vermello da Praza Roxa. Son tres das actuacións incluídas no capítulo de investimentos do orzamento de Cedeira para 2021, aprobado polo pleno no pasado mes de febreiro.