Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

O Concello de Cedeira crea 36 empregos eventuais durante os meses de verán

Un total de 36 traballadores están a firmar estes días os contratos que os vincularán durante o verán ao Concello de Cedeira.

Estas contratacións obedecen a plans como o de Fomento do Emprego, os Fondos de Compensación Ambiental, o Risga e as brigadas de incendios,subvencionados pola Xunta de Galicia e o relativo a limpeza de praias, subvencionado pola Deputación da Coruña, entre outros

Uno destes empregos temporais dará lugar á creación do primeiro punto municipal de información turística no lugar San Andrés de Teixido. O servizo botará a andar a próxima semana e a súa finalidade é “reivindicar” un dos reclamos turísticos máis importantes da comarca e mesmo de Galicia como parte do territorio cedeirense, tal e como apuntou a concelleira de Turismo, Carmela Prieto Cal.

“Queremos crear unha sinerxia entre San Andrés e Cedeira, de maneira que as persoas que visiten este importante lugar de peregrinación despois veñan á vila para coñecela”, asegurou a titular de Turismo. Esta iniciativa verase reforzada coa distribución de folletos informativos entre os visitantes.

Á fronte desta nova acción de goberno estará un dos tres técnicos de turismo que este verán encontraron emprego no Concello de Cedeira, mentres que outro ocuparase das visitas guiadas ao castelo da Concepción e o terceiro virá a reforzar o cadro de persoal da oficina de turismo do Palacete municipal.

Tamén se verán incrementadas as áreas de medio ambiente, coa contratación de seis peóns e un técnico; a relativa á limpeza de praias, tarefa da que se ocuparán outras cinco persoas, e a brigada de incendios. A esta última estarán vinculados un total de catro traballadores.

A través do Risga encontrarán emprego 3 peóns e 2 limpiadores e será un no caso do programa Aprol Rural da Xunta de Galicia, que se ocupará da limpeza de montes públicos. O cadro de persoal da Policía Local verase así mesmo reforzado coa contratación de dous axentes auxiliares e da man do PEL o Concello disporá de catro traballadores para realizar traballos de albanelería.

Con cargo a plan de Fomento do Emprego xa están a traballar desde hai días os tres socorristas que se fan cargo da seguridade dos bañistas, así como de vixiar o cumprimento das normas impostas pola Covid-19 entre as persoas que acudan ás praias locais.

Proxecto RELEVO 2020

O proxecto de colaboración RELEVO 2020 é unha iniciativa de carácter formativo promovida polos cinco Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) que van de seguido: GALP A Mariña – Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e GALP Ría de Arousa. Trátase dun proxecto que busca o relevo xeracional no sector pesqueiro mediante a capacitación de mozos e mozas, a través da formación e mellor coñecemento dos recursos dos territorios.

Descarga Tríptico Proxecto RELEVO 2020

Relevo 2020_Tríptico

Cedeira convoca as axudas para apoiar ás familias e protexer o tecido produtivo e empresarial local

O goberno de Cedeira acaba de aprobar as bases polas que empresarios e autónomos, comunidades de bens ou sociedades civís da localidade poderán acceder ás axudas concedidas polo Concello para reactivar a economía local e atenuar o impacto da crise ocasionada pola Covid-19. O executivo local aprobou así mesmo o gasto correspondente, que ascende a 150.000 euros.

“É un diñeiro que chegará ás familias e cuxa finalidade é protexer e apoiar ao tecido produtivo e empresarial de Cedeira”, segundo apuntou alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que recoñeceu estar “moi satisfeito” de poder axudar ás persoas e avanzou que, en breve, esta acción de goberno se dirixirá ao comercio e a hostalería da localidade coa entrada en funcionamento dun plan para dinamizar ámbolos dous sectores. Moreda Gil recordou que se trata de axudas acordadas coa oposición e que son as primeiras destas características que se conceden en Cedeira.

Nas disposicións aprobadas na Xunta de Goberno, que tuvo lugar o pasado venres, recóllese que o importe das subvencións deberá estar destinado a gastos relacionados co funcionamento,e mantemento da empresa, gasto de aluguer de local ou vehículo da empresa, nóminas de traballadores ou cotas á seguridade social. Os beneficiarios, pola súa banda, deberán manter a actividade empresarial durante tres meses desde a finalización do estado de alarma ou como mínimo un 50% do personal, no caso de ter empregados, ademais do domicilio fiscal ou negocio dentro do termo municipal de Cedeira, entre outros requisitos.

As contías fixas destas axudas serán de 650 euros para autónomos, 850 para microempresas de 1 a 5 traballadores e de 1.000 euros para empresas con máis de 5 empregados. Estas subvencións serán compatibles con calquera outra concedida por entidades públicas ou privadas, sempre que o seu importe non supere o custo total dos gastos financiados. A xestión destas axudas está sometida aos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, obxectividade e igualdade.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A presentación da documentación fóra de prazo e a non utilización dos formularios normalizados de uso obrigatorio, serán causas de rexeitamento cara á tramitación da axuda.