Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

Cedeira saca a licitación, por importe de case medio millón de euros, o proxecto de rehabilitación do Pazo de Moscoso

O Concello de Cedeira saca a contratación a obra de rehabilitación integral do pazo de Moscoso, un proxecto orzamentado en 496.462 euros (IVE incluído) que axudará a recuperar un inmoble histórico para darlle novos usos administrativos. A licitación saíu publicada na plataforma de Contratos do Estado e a presentación de oferta finaliza en 20 días.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que a execución deste proxecto responde ao compromiso do goberno local coa recuperación tanto patrimonial como económica do centro histórico da vila de Cedeira. Neste sentido, o rexedor municipal apuntou que a intención do executivo é contribuír a esa posta en valor cun investimento público de case medio millón de euros e mostrouse confiado en que “este empurrón teña a forza suficiente para abrir un tempo novo cara a recuperación da arquitectura popular e patrimonial do casco vello”.

Por outra banda, Pablo Moreda destacou o papel que xogará este novo edificio á hora de distribuír e aproveitar mellor os recursos públicos. Así, avanzou que os Servizos Sociais, actualmente situados na terceira planta do auditorio, pasarán a ocupar a planta baixa do novo edificio administrativo municipal, mentres que os espazos que quedarán libres no auditorio serán aproveitados polo movemento asociativo. Tamén está previsto trasladar ao pazo Moscoso tanto o servizo de Intervención do Concello como a Xefatura da Policía Local, segundo dixo o alcalde.

O proxecto, que dará nova vida a un ben municipal que leva anos en desuso, desenvolverase sobre unha superficie construída superior aos 530 metros cadrados, uns 350 útiles. A demolición das estruturas danadas e a recuperación de elementos como balcóns, galería, forxados e soleiras, dado o carácter patrimonial do inmoble, darán lugar a un edificio que acollerá oficinas de atención ao público e as dependencias da Policía Local na planta baixa. Entre a primeira e segunda repartiranse un total de oito despachos, ademais de aseos, galería e distribuidores, e o faiado aproveitarase para almacenaxe e sala de instalacións. O cuberta será de tella do país e as fachadas -o edificio ten tres en o seu estado orixinal. Tamén se contempla a transformación do terreo anexo ao pazo nun novo espazo verde, ao que se poderá acceder desde a rúa Ferrol.

O Concello de Cedeira substiturá na zona rural un total de 539 lámpadas de vapor de sodio por outras de tecnoloxía led

O Concello de Cedeira saca a contratación a subministración dun total de 539 lámpadas Led que este mesmo ano entrarán en servizo nas parroquias da Régoa, Montoxo, Esteiro, Cedeira e Piñeiro. O investimento supera os 41.600 euros (IVE incluído).

O goberno municipal vén apostando desde o 2015 por este tipo de tecnoloxía fronte ás antigas lámpadas de vapor de sodio por ser máis respectuosa co medio ambiente e porque necesita a metade da potencia para producir o mesmo fluxo luminoso, o que tamén se traduce nun menor gasto eléctrico.

Na parroquia da Régoa entrarán en funcionamento un total de 18 luminarias LED de 30 W de potencia, que se instalarán nos lugares de A Bouza (7)) e as Pontigas (11), e na de Montoxo serán 254, que estarán en Purrei (15), A Carballa (60), Campo do Hospital (30), As Vieiteiras (11), Cimadevila (15), Erbellas (14), Graguela (21), Os Candales(10), Serando (13) e A Pasada (54). Na parroquia de Esteiro, substituiranse un total de 113, que o Concello prevé colocar en Ardeón (41), Sisalde Maior (31), Sisalde Cativo (21) e Barral (19) e na de Cedeira outras 88, que se localizarán en As Saíñas (32), Figaredo (41) e Espasante (15). A parroquia de Piñeiro pasará a ter un total de 55 de 30 W de potencia e outras 22 de 58W.

O executivo local anuncia que este tipo de contratación se repetirá en próximas datas ata completar a substitución da totalidade das lámpadas de vapor de sodio por bombillas de tecnoloxía Led. Só nunha próxima intervención o Concello renovará máis de 900 unidades na zona rural.