Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

CEDEIRA ACOLLERÁ O DÍA 13 UN TALLER GRATUÍTO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA E ORGANIZATIVA PARA PEMES

A aula de usos múltiples do Polideportivo Municipal de Cedeira acollerá o vindeiro día 13, de 18.00 a 20.00h, un “Taller de eficiencia enerxética e organizativa” para empresarios e autónomos. A actividade é totalmente gratuíta e as persoas interesadas poden inscribirse enviando un mail a coruna@acelerapyme.asime.es.

As persoas emprendedoras que asistan ao taller poderán coñecer ferramentas dixitais desde as que controlar, monitorear e xestionar en remoto aqueles equipos do seu negocio que consumen enerxía. É unha tecnoloxía que permite detectar as ineficiencias para corrixilas, controlar o gasto, dixitalizar operacións…

O taller estará tamén adicado á optimización da xestión dos almacéns a través dunha solución que reduce o tempo de procura e localización dos elementos almacenados e diminúe os erros ao colocar ou retirar os produtos.

A actividade será práctica e permite que a persoa interesada poida incorporarse en calquera momento no caso de que non poida asistir ás dúas horas do taller. É un programa impulsado con fondos Next Generation e enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno.

A CONSELLERÍA DE SANIDADE DÁ O VISTO BO AOS TERREOS PARA EDIFICAR O NOVO CENTRO DE SAÚDE DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro José Antonio Rodríguez mantiveron este luns unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para seguir avanzando cara á comprometida construción do novo Centro de Saúde da localidade. Tal como explicou Moreda, está xa en marcha a modificación puntual do PXOM para facer posible a posta a disposición da Consellería de máis superficie e acometer así unha edificación que supere os 2.000 metros cadrados inicialmente requiridos.

A reunión deu continuidade ao último contacto entre Concello e Consellería, o pasado 4 de maio, cando os técnicos de Sanidade expresaron a conveniencia de ampliar a cesión de solo para o mellor desenvolvemento do proxecto. O goberno local puxo en marcha os trámites e, de feito, enviou xa o pasado 17 de novembro a documentación para a avaliación ambiental da modificación puntual do PXOM. Con ela ampliarase a parcela dotacional ata os 3.665 metros cadrados. Deles, serán edificables 2.643,62 metros cadrados por planta e poden facerse catro: soto, semisoto, baixo e primeiro piso.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, felicitou ao goberno local de Cedeira pola celeridade coa que ten resolto esta nova demanda da súa administración, igual que sucedeu antes, cando as limitacións impostas pola ordenación de Costas obrigou a desbotar a inicial idea de ampliar o Centro de Saúde actual. Así, o Concello vai ocuparse agora de facer as expropiacións e os trámites precisos para a posta a disposición dos devanditos terreos, así como do desenvolvemento urbanístico da súa contorna. Na urbanización da zona está incluída a apertura dun novo vial e a creación dun aparcadoiro con 41 prazas.

Moreda Gil invitou a participar neste encontro a Xulio Cribeiro, o voceiro do grupo municipal do PP, quen puido comprobar o beneplácito da Consellería de Sanidade co traballo feito desde o Concello. Destacou o alcalde que igualmente lle ten proposto a Cribeiro a posibilidade de participar noutras xuntanzas de cuestións importantes para o pobo, como a elaboración dos pregos do concurso de limpieza ou a modificación do plan xeral.

Os trámites da modificación puntual do PXOM poden ocupar entre 9 e 12 meses, explicou Moreda, e a intención que expresou a Consellería na reunión foi a de comezar de inmediato a redactar o borrador do convenio de cesión dos terreos para a construción do novo Centro de Saúde. Na reunión comentáronse tamén de xeito informal as posibilidades que o traslado ao novo edificio abrirá para o actual edificio do Centro de Saúde. Segundo explicou Moreda, falouse de diferentes posibilidades como un centro de día ou unha residencia de maiores, ainda que apuntou que o seu destino será decidido pola veciñanza.

O CONCELLO DE CEDEIRA RECUPERA NESTAS FESTAS O CAMPAMENTO CONCILIA PARA NENOS E NENAS

O Concello de Cedeira recupera este ano o campamento Concilia para ocupar con xogos e actividades as mañás de nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2018 e facer compatible a vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal. O programa funcionará nos días laborables entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, ambos incluídos, entre as 09.00 e as 14.00 horas. Hai un total de 60 prazas e as solicitudes poderán presentarse ata o día 14 de decembro.

O campamento Concilia estará atendido por tres monitores/as que desenvolverán moi diversas actividades cos nenos e nenas. Haberá xogos inchables, karaoke, photomaton con impresora, labirinto, obradoiros con materiais de refugallo…

Nas bases do campamento Concilia establécese que cinco das 60 prazas disponibles serán para nenos ou nenas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Na inscrición, terán preferencia os menores empadroados en Cedeira, e a continuación aqueles cuxos titores traballen no termo municipal. Atendendo a isto, a continuación tamén terán prioridade as unidades familiares nas que ambos proxenitores acrediten traballar polas mañás ou ben estar realizando un curso de formación na mesma franxa horaria. Nas bases, que están colgadas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, está o formulario de inscrición e os documentos a presentar.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira tamén vai organizar xogos e actividades de lecer no Polideportivo Municipal durante as tardes do periodo de vacacións, así como dúas festas acuáticas na piscina municipal.

Pódese descargar as bases campamento urbano de Nadal 2023 na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases campamento nadal 2023