Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira crea 36 empregos eventuais durante os meses de verán

Un total de 36 traballadores están a firmar estes días os contratos que os vincularán durante o verán ao Concello de Cedeira.

Estas contratacións obedecen a plans como o de Fomento do Emprego, os Fondos de Compensación Ambiental, o Risga e as brigadas de incendios,subvencionados pola Xunta de Galicia e o relativo a limpeza de praias, subvencionado pola Deputación da Coruña, entre outros

Uno destes empregos temporais dará lugar á creación do primeiro punto municipal de información turística no lugar San Andrés de Teixido. O servizo botará a andar a próxima semana e a súa finalidade é “reivindicar” un dos reclamos turísticos máis importantes da comarca e mesmo de Galicia como parte do territorio cedeirense, tal e como apuntou a concelleira de Turismo, Carmela Prieto Cal.

“Queremos crear unha sinerxia entre San Andrés e Cedeira, de maneira que as persoas que visiten este importante lugar de peregrinación despois veñan á vila para coñecela”, asegurou a titular de Turismo. Esta iniciativa verase reforzada coa distribución de folletos informativos entre os visitantes.

Á fronte desta nova acción de goberno estará un dos tres técnicos de turismo que este verán encontraron emprego no Concello de Cedeira, mentres que outro ocuparase das visitas guiadas ao castelo da Concepción e o terceiro virá a reforzar o cadro de persoal da oficina de turismo do Palacete municipal.

Tamén se verán incrementadas as áreas de medio ambiente, coa contratación de seis peóns e un técnico; a relativa á limpeza de praias, tarefa da que se ocuparán outras cinco persoas, e a brigada de incendios. A esta última estarán vinculados un total de catro traballadores.

A través do Risga encontrarán emprego 3 peóns e 2 limpiadores e será un no caso do programa Aprol Rural da Xunta de Galicia, que se ocupará da limpeza de montes públicos. O cadro de persoal da Policía Local verase así mesmo reforzado coa contratación de dous axentes auxiliares e da man do PEL o Concello disporá de catro traballadores para realizar traballos de albanelería.

Con cargo a plan de Fomento do Emprego xa están a traballar desde hai días os tres socorristas que se fan cargo da seguridade dos bañistas, así como de vixiar o cumprimento das normas impostas pola Covid-19 entre as persoas que acudan ás praias locais.