Cedeira convoca as axudas para apoiar ás familias e protexer o tecido produtivo e empresarial local
O goberno de Cedeira acaba de aprobar as bases polas que empresarios e autónomos, comunidades de bens ou sociedades civís da localidade poderán acceder ás axudas concedidas polo Concello para reactivar a economía local e atenuar o impacto da crise ocasionada pola Covid-19. O executivo local aprobou así mesmo o gasto correspondente, que ascende a 150.000 euros.
“É un diñeiro que chegará ás familias e cuxa finalidade é protexer e apoiar ao tecido produtivo e empresarial de Cedeira”, segundo apuntou alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que recoñeceu estar “moi satisfeito” de poder axudar ás persoas e avanzou que, en breve, esta acción de goberno se dirixirá ao comercio e a hostalería da localidade coa entrada en funcionamento dun plan para dinamizar ámbolos dous sectores. Moreda Gil recordou que se trata de axudas acordadas coa oposición e que son as primeiras destas características que se conceden en Cedeira.
Nas disposicións aprobadas na Xunta de Goberno, que tuvo lugar o pasado venres, recóllese que o importe das subvencións deberá estar destinado a gastos relacionados co funcionamento,e mantemento da empresa, gasto de aluguer de local ou vehículo da empresa, nóminas de traballadores ou cotas á seguridade social. Os beneficiarios, pola súa banda, deberán manter a actividade empresarial durante tres meses desde a finalización do estado de alarma ou como mínimo un 50% do personal, no caso de ter empregados, ademais do domicilio fiscal ou negocio dentro do termo municipal de Cedeira, entre outros requisitos.
As contías fixas destas axudas serán de 650 euros para autónomos, 850 para microempresas de 1 a 5 traballadores e de 1.000 euros para empresas con máis de 5 empregados. Estas subvencións serán compatibles con calquera outra concedida por entidades públicas ou privadas, sempre que o seu importe non supere o custo total dos gastos financiados. A xestión destas axudas está sometida aos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, obxectividade e igualdade.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A presentación da documentación fóra de prazo e a non utilización dos formularios normalizados de uso obrigatorio, serán causas de rexeitamento cara á tramitación da axuda.