Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

Aprobadas as convocatorias das liñas de axuda PEL RELEVO e PEL RURINNOVA 2020

O Boletín Oficial da Provincia publicou na súa edición de hoxe a aprobación das seguinte convocatorias de subvencións e axudas públicas:

PEL 2020 PEL RURINNOVA Mocidade Emprendedora

Estas axudas van dirixidas a aquelas empresas e empregadoras que realicen contratacións indefinidas de persoas mozas da provincia da Coruña, empadroadas en concellos con poboación igual ou inferior 5.000 habitantes ou de 5.001 a 10.000 habitantes con saldo demográfico negativo e rexistradas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

PEL 2020 PEL RELEVO creación de emprego para a mocidade.

Estas axudas van dirixidas a persoas mozas da provincia da Coruña, empadroadas en concellos con poboación igual ou inferior 5.000 habitantes ou de 5.001 a 10.000 habitantes con saldo demográfico negativo e rexistradas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que promovan iniciativas empresariais de nova creación incorporadas ao réxime de autónomos como persoas físicas ou como persoas xurídicas desde o 1 de abril de 2019.

 

Nas seguintes ligazóns pode acceder á publicacións no BOP:

IR Á LIGAZÓN Publicación no BOP da convocatoria da liña de axudas PEL 2020 PEL RELEVO creación de emprego para a mocidade

IR Á LIGAZÓN Publicación no BOP da convocatoria da liña de axudas PEL 2020 PEL RURINNOVA mocidade emprendedora

O sistema defensivo do castro Sarridal sae á luz coa sexta campaña de escavación agora en marcha

A sexta campaña de escavacións arqueolóxicas en Punta Sarridal volve confirmar a importancia deste asentamento de orixe castrexa, tanto polas súas dimensións como polas estruturas defensivas que estes días están a saír á luz. O castro data do século III a.C.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, valorou a importancia destas actuacións para coñecer a historia da localidade, no seu conxunto, e reiterou a intención do goberno local de seguir traballando nesa dirección, polo que volveu apuntar a posibilidade de chegar a acordos con propietarios de terreos situados no lugar para poder completar a totalidade do xacemento. A contía desde último investimento financiado polo Concello supera os 14.000 euros.

Despois de máis de 10 días de traballo -a intervención comezou o día 13 de xullo e rematará o 6 de agosto- xa está definido o sistema defensivo da construción, do que é parte importante un torreón, de forma rectangular, acaroado ao paramento exterior da muralla. Nel estaría situado un punto de acceso ao interior do recinto. A actuación que se está a levar a cabo tamén sacou á luz un bastión defensivo, do que xa se tiña noticia pero que agora amosou as súas dimensións reais, así como o empedrado orixinal do camiño de entrada ao castro. A escavación corre a cargo dun grupo de oito porfesionais da empresa Axa Arqueología.

Os traballos arqueolóxicos na punta Sarridal deron comezo en abril do ano 2017 coa realización dunhas castas. Estas primeiras sondaxes puxeron aos expertos sobre a pista da riqueza patrimonial que se vería confirmada, a finais daquel mesmo ano, coa localización das murallas dun recinto perfectamente delimitado e dun monumento con forno.

As seguintes intervencións serviron tanto para consolidar estruturas xa localizadas como para seguir avanzando no coñecemento dun patrimonio que hoxe serve de reclamo turístico e que este ano dará lugar á entrada en funcionamento dun centro de interpretación no castelo da Concepción, cuxa obra dará comezo no mes de setembro.

O Concello de Cedeira pon en marcha o seu primeiro de plan de igualdade

O goberno de Cedeira impulsa un Plan de Igualdade que estará activo este mesmo ano, co obxectivo de que “a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes sexa real no municipio de Cedeira”, segundo apuntou a concelleira de Turismo, Participación Cidadá e Xuventude, Carmen Prieto Cal.

O proxecto, que estará vixente ata o ano 2024, dará lugar a un proceso participativo no que tomarán parte desde cargos políticos e persoal técnico municipal ata o tecido social e a comunidade educativa da localidade.

A creación dunha comisión de Igualdade e a constitución de tres mesas de traballo forman parte da metodoloxía deseñada pola cooperativa Arabías –adxudicataria do proxecto- para a elaboración deste plan, que vai recoller tanto a diagnose das necesidades como as propostas de acción, “para saber de onde partimos en materia de igualdade e darlles solucións a todas aquelas cuestións que nos podamos atopar”, apuntou a concelleira.

Carmela Prieto destacou esta acción de goberno por considerar que “é revelante coñecer a realidade que existe en Cedeira en cuestións de igualdade, tanto a nivel interno como cara á veciñanza”.

Arabías é unha cooperativa de traballo asociado especializada en deseñar e dinamizar procesos de investigación-acción que teñan como finalidade a transformación social.