Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O Pleno aprobou os plans provinciais e a compra do edificio das sindicais para ofrecerllo á Xunta a fin de aumentar o centro de saúde

O PLENO APROBOU OS PLANS PROVINCIAIS E A COMPRA DO EDIFICIO DAS SINDICAIS PARA OFRECERLLO Á XUNTA A FIN DE AUMENTAR O CENTRO DE SAÚDE

O pleno de Cedeira aprobou os proxectos incluídos no POS+2019 e no Plan Complementario da Deputación da Coruña, que suman un total de 369.840,64 euros. Entre as actuacións previstas está a instalación dunha nova rede de saneamento nas rúas Estrada, Valdoviño, San Sadurniño e Travesía da Praia, a mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública na avenida Castelao e a extensión da rede de saneamento a Vilacacín.

O proxecto da rede de saneamento, orzamentado en máis de 191.000 euros e cunha aportación municipal de 94.700 euros, dará lugar a la demolición da rede existente -a base de tubaxes de fibrocemento- e á colocación dunha separativa para evitar os continuos atascos que agora se producen polo mal estado e a escasa pendente das canalizacións. A intervención rematará co asfaltado da rúa.

A obra de mellora enerxética que se pretende levar a cabo na avenida Castelao require dun investimento de 55.421,99 euros e basicamente consistirá na substitución das luminarias existentes por outras de tecnoloxía led. A antigüidade e o consumo das actuais, así como a contaminación lumínica que produce están entre as razóns que xustifican o investimento, segundo o goberno municipal.

A extensión da rede de saneamento en Villacacín chega aos 77.000 euros de investimento e dará lugar á instalación de tubaxe ao longo de 640 metros e a construción de 21 pozos de rexistro para poñer en funcionamento un servizo do que actualmente carece este núcleo rural da parroquia de Cedeira.

Na sesión plenaria tamén se adoptou a decisión de adquirir á Consellería de Medio Rural a planta baixa, a terceira e o baixo cuberta do edificio das sindicais, por importe de 60.913,93 euros, para garantir a ampliación do actual centro de saúde.

Trátase dun proxecto que no seu día deu lugar ao pronunciamento do Parlamento Galego, no sentido de instar á Xunta a dialogar con Concello para chegar ao acordo, así como a reiteradas xestións, a todos os niveis, por parte do goberno co fin de incrementar ata un 40% o espazo construtivo do actual centro de saúde, unha necesidade que mesmo foi recoñecida polo propio Sergas.

Foi no seu momento a propia Dirección Xeral de Recursos Económicos a que falou da necesidade de ampliar as actuais instalacións “mediante a cesión dun terreo o ben mediante a cesión de espazos anexos xa construídos que puideran utilizarse para asistencia sanitaria”, unha petición que tivo como resposta por parte da corporación, o inicio do expediente para a adquisición das tres plantas que son propiedade da Xunta para, coas que xa son do Concello, ceder todo o inmoble á Consellería de Sanidade para aumentar unhas instalacións moi deficientes en moitos aspectos.

Desde o equipo de goberno destácanse as deficiencias estruturais no servizo de urxencias, así como a falla de espazos para dispoñer de salas de reunións, almacén, sala acondicionada para cirurxía menor, reubicación da área de pediatría e mesmo mellorar a accesibilidade á zona de consultas.

Cedeira demanda da Xunta un centro de día cunha campaña de recollida de firmas

O Concello de Cedeira vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas demandando á Xunta a creación dun centro de día no municipio, “por carecer a día de hoxe dun centro público que dea apoio nin aos 125 veciños declarados dependentes nin ás persoas que teñen que exercer o papel de coidadoras”.

O goberno municipal conta co apoio e a colaboración do movemento asociativo para levar a cabo o devandito propósito. De feito, a veciñanza que desexe secundar esta iniciativa pode facelo nas sedes sociais de Eixil, Sobre rodas, Rondalla de Cedeira, Virxe do Mar, Veciñanza de Piñeiro, Discalz@s polo Festival, Amas de Casa, Vila de Cedeira, Robaleira, Museo Mares de Cedeira, Patchwork de Cedeira, Asociación de Maiores, Cultural Garola, Acordeóns de Cedeira, Tarroiba, Coral Herbeira e Aturuxeiras, así como no propio Concello, no Palacete, na oficina dos Servizos Sociais e máis no polideportivo.

A través do escrito que xa se está a repartir, o executivo local tamén pon de manifesto o seu compromiso de colaborar coa Xunta na realización do proxecto poñendo á súa disposición os terreos necesarios para a realización dunha obra que “axudaría a solucionar os problemas de atención e coidado que requiren as persoas dependentes e as consecuencias que acaban sufrindo as coidadoras”.

O Concello amplía o prazo para a xustificación de subvencións para comisións de festas parroquiais 2018

O Concello de Cedeira aprobou a ampliación do prazo de xustificación das subvencións para as comisións de festas parroquiais 2018, cuxas bases foron publicadas no BOP núm. 205 de 26 de outubro, de xeito que a data límite se prorroga ata o 17 de decembro de 2018.

O prazo de execución das actividades susceptibles de subvención se mantén no día 30 de novembro de 2018.

Na seguinte ligazón pode consultar a resolución aprobada para a apliación do prazo:

IR Á LIGAZÓN Resolución de avocación de competencias e aprobación da ampliación de plazos para a xustificación das subvencións para comisións de festas parroquiais 2018