Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O CONCELLO DESTINA 18.000€ Á COMPRA DE ORDENADORES PARA O ALUMNADO DAS FAMILIAS CON MENOS RECURSOS

A Xunta de Goberno de Cedeira acaba de aprobar as bases dunha nova convocatoria de axudas para garantir que os nenos e nenas das familias con menos recursos contan co ordenador e demáis equipamentos informáticos precisos para o desenvolvemento do curso escolar. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o Concello reservou unha partida de 18.000€ para a compra deste material e a súa entrega ás familias que máis o precisan, priorizándoas en función da renda fiscal do pasado exercicio 2020.

“A pandemia e as medidas que esta impuxo durante o pasado curso puxeron de manifesto as consecuencias das desigualdades sociais no eido educativo, que ten que ser precisamente un espazo para o reequilibrio das oportunidades -explicou o alcalde-. Con estas axudas o goberno local quere garantir que todos os alumnos e alumnas de Cedeira, desde Infantil ata o nivel universitario, contan na casa co equipamento necesario para seguir unha clase ou realizar actividades en liña, sen perder o fío e sen quedar atrás pola falla de capacidade económica da súa familia”.

O prazo de solicitude das axudas durará 20 días e abrirase a partir da publicación do estracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia -informarase oportunamente a través da web do Concello e a canle Cedeira Informa-. Segundo establecen as bases, as persoas beneficiarias destas axudas deberán estar cursando estudos no CEIP de Infantil e Primaria de Cedeira ou ben estudos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou Universidade. Polo menos un dos pais ou titores legais terán que estar empadroados no municipio, ao igual que o alumno ou alumna. No caso de estudantes maiores de idade será suficiente con que estea empadroado/a en Cedeira quen solicita a axuda.

Nas bases establécense os criterios que garanten que o equipamento informático chegará prioritariamente ás alumnas e alumnos de familias ou unidades de convivencia cuxa renda per cápita sexa menor, quedando excluídas aquelas nas que supere o 2,5 do IPREM.

O Concello de Cedeira encargarase de comprar os equipos informáticos e entregalos ás persoas beneficiarias deste programa.

“AS7PARROQUIAS” DESTACA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO O INVESTIMENTO DE 2,6M€ DO GOBERNO CENTRAL EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira está a distribuír estes días entre a veciñanza unha nova edición do boletín informativo “As7Parroquias”, no que recolle as novidades máis destacadas do traballo municipal dos últimos meses. Así, neste número 18 da publicación destaca a noticia do compromiso acadado polo Ministerio de Transición Ecolóxica de financiar con 2,6 millóns de euros a rexeneración da praia da Madalena e o proxecto de recuperación da antiga cetaria das Sonreiras, así como a modificación de créditos aprobada polo pleno, a través da cal o Concello incorpora máis de medio millón de euros ao capítulo de investimentos deste ano, procedentes de remanentes do pasado 2020.

O novo programa de axudas creado polo Concello de Cedeira para paliar o impacto da covid nas empresas e autónomos da vila, dotado con 70.000 euros, é outra das cuestións das que informa o boletín. “As7Parroquias” tamén dá conta da execución dos orzamentos participativos, coa realización do parque de calistenia e o ciclo de auto-cine, así como da presencia de Cedeira na última edición de Fitur.

O rexeitamento aos proxectos de parques eólicos mariños que proxecta Iberdrola no litoral próximo a Cedeira e tamén ao parque eólico terrestre Badulaque é tamén un tema que aborda o boletín, en cuxas páxinas o Concello informa igualmente da recente contratación de todos os suministros enerxéticos municipais de fontes renovables. A nova ordenanza de protección de camiños municipais e o apoio do Concello á flota pesqueira fronte ao regulamento proposto pola Unión Europea son outros dos temas que aborda a publicación.

A Banda de Música Vila de Cedeira protagoniza desta volta a contraportada do boletín, despois dunha recente renovación na directiva. O relevo xeracional garante o futuro desta formación, con grande arraigamento na localidade e cun espíritu bulideiro que a leva a integrar todo tipo de músicas no seu repertorio.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

DESCARGA Boletín nº 18

O CONCELLO COMPRA SEIS CAMAS XERIÁTRICAS MÁIS PARA PRESTAR A PERSOAS USUARIAS DA AXUDA NO FOGAR

O Concello de Cedeira comprou recentemente seis novas camas xeriátricas con brazo elevador destinadas ás persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar que non contan con recursos para compralas e facilitar a súa mobilidade. Tal como explican desde o goberno local, estes equipos se prestarán de xeito indefinido, mentres os precisen, a persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar.

Nos últimos anos o Concello foi pouco a pouco mellorando a súa dotación neste eido, de xeito que con esta última contratación conta xa con 30 camas xeriátricas e 12 guindastres que representan pezas moi importantes para facer máis doado o traballo do persoal de Servizos Sociais e tamén das propias familias. É, tal e como destacan desde o goberno local, un equipamento que redunda directamente na mellor calidade de vida dos dos doentes e das persoas que os coidan.

O investimento nestas novas sete camas xeriátricas foi de 9.300€ (IVE incluído) e a empresa Coloro foi a encargada de suministrarlas.