Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DESTINA 18.000€ Á COMPRA DE ORDENADORES PARA O ALUMNADO DAS FAMILIAS CON MENOS RECURSOS

A Xunta de Goberno de Cedeira acaba de aprobar as bases dunha nova convocatoria de axudas para garantir que os nenos e nenas das familias con menos recursos contan co ordenador e demáis equipamentos informáticos precisos para o desenvolvemento do curso escolar. Segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o Concello reservou unha partida de 18.000€ para a compra deste material e a súa entrega ás familias que máis o precisan, priorizándoas en función da renda fiscal do pasado exercicio 2020.

“A pandemia e as medidas que esta impuxo durante o pasado curso puxeron de manifesto as consecuencias das desigualdades sociais no eido educativo, que ten que ser precisamente un espazo para o reequilibrio das oportunidades -explicou o alcalde-. Con estas axudas o goberno local quere garantir que todos os alumnos e alumnas de Cedeira, desde Infantil ata o nivel universitario, contan na casa co equipamento necesario para seguir unha clase ou realizar actividades en liña, sen perder o fío e sen quedar atrás pola falla de capacidade económica da súa familia”.

O prazo de solicitude das axudas durará 20 días e abrirase a partir da publicación do estracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia -informarase oportunamente a través da web do Concello e a canle Cedeira Informa-. Segundo establecen as bases, as persoas beneficiarias destas axudas deberán estar cursando estudos no CEIP de Infantil e Primaria de Cedeira ou ben estudos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou Universidade. Polo menos un dos pais ou titores legais terán que estar empadroados no municipio, ao igual que o alumno ou alumna. No caso de estudantes maiores de idade será suficiente con que estea empadroado/a en Cedeira quen solicita a axuda.

Nas bases establécense os criterios que garanten que o equipamento informático chegará prioritariamente ás alumnas e alumnos de familias ou unidades de convivencia cuxa renda per cápita sexa menor, quedando excluídas aquelas nas que supere o 2,5 do IPREM.

O Concello de Cedeira encargarase de comprar os equipos informáticos e entregalos ás persoas beneficiarias deste programa.