Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O ARTISTA VASCO JULIO GÓMEZ GAÑA O VII CERTAME DE PINTURA RÁPIDA “VILA DE CEDEIRA”

O matrimonio formado por Julio Gómez Mena e Piedad Santamaría foron hoxe os gañadores do primeiro e segundo premio, respectivamente, na VII edición do Certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, que hoxe reuniu na localidade a 26 pintores e pintoras, profesionais e afeccionados, de dentro e fóra de Galicia. O terceiro premio foi para Manuel Carballeira, de Valdoviño. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, participou no acto de lectura do fallo do xurado e na entrega dos premios, dotados con 800, 600 e 400€ respectivamente.

Numeroso público agardou ás portas da Sala Áncora polo resultado das deliberacións do xurado, formado polos artistas Adrián Taracido, Jane Danko e Daniel Pérez García. Tras a lectura do fallo, as obras quedaron expostas ao público e moitas delas foron vendidas. Entre os participantes, máis que na anterior edición, houbo moitos de fóra de Galicia, como o caso dos gañadores do primeiro e segundo premio, residentes na localidade vasca de Leioa.

Os artistas estiveron pintando ao longo da xornada, entre as 10.00 e as 17.00 horas, e a súa presenza, cos cabaletes e caixas de pintura, animou a vila durante este último domingo de agosto, nunha fin de semana na que tamén se celebrou o xa tradicional Lugnasad. A zona do marítimo, a praia da Madalena, o paseo da Mariña, a zona do río Condomiñas, praia de Area Longa, o casco vello e o porto foron os lugares marcados polas bases para o desenvolvemento do certame, de maneira que os pintores repartíronse por elas elixindo as vistas ou detalles que plasmar nos seus cadros.

A relación de artistas que gañaron as anteriores edicións do certame é a seguinte: Pío Costa (2015), Raúl Gil (2016), Eduardo Pérez Baamonde (2017), Andrés Gabarres Cagiao (2018), Nestor López Casas (2019) e Isabel Seidal (2020).