Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MÁIS DE 160 PERSOAS PARTICIPARON XA ESTE VERÁN NO PROGRAMA DE ROTEIROS “DESCOBRE CEDEIRA”

Un total de 168 persoas teñen participado durante este verán no programa de roteiros “Descobre Cedeira” que desenvolve o Concello. O número, a falta de que se desenvolvan esta semana as dúas últimas saídas, está moi por enriba do pouco máis dun cento de persoas inscritas no programa de visitas guiadas o pasado ano e pon de manifesto a recuperación da afluencia de visitantes á vila neste 2021.

A falta de sumar a afluencia as rutas previstas para esta semana, a de Santo André de Teixido é a que máis xente realizou este verán entre as tres propostas polo Concello de Cedeira. Un total de 63 persoas inscribíronse nas sete saídas ao santuario desde a igrexa de Régoa, un roteiro de dificultade media e o de maior duración, de 10.00 a 17.00 horas, no que hai que levar a comida.

A ruta denominada “Vila de Cedeira”, doada e de catro horas –de 10.00 a 14.00 horas-, contou coa participación de 60 persoas, mentres que a “dos Tesouros”, que vai da Oficina de Turismo ata o faro da Robaleira, foi seguida por 45 persoas.

Así, houbo unha media de 11 participantes nos 15 roteiros que se desenvolveron ata o momento, desde primeiros de xullo. A concelleira de Turismo, Carmela Prieto, subliñou o bo funcionamento deste programa que vai dirixido tanto ás persoas de fóra que visitan Cedeira durante o verán como tamén á propia veciñanza, que tamén descobre a través destes percorridos e as explicacións da guía detalles da historia e do patrimonio natural e arquitectónico que lles pasaran desapercibidos.

Últimas saídas

Hoxe, martes, está programada e coa inscrición aberta un roteiro pola vila de Cedeira, e este xoves, día 2 de setembro, desenvolverase a última saída do programa, que terá como destino Santo André de Teixido. As persoas interesadas teñen que apuntarse na Oficina de Turismo, presencialmente ou ben enviando un mail a mar.lopez@cedeira.es ou chamando por teléfono ao 981 482 187. A participación é gratuíta.