Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PERSOAL E FACENDA

“AS7PARROQUIAS” DESTACA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO O INVESTIMENTO DE 2,6M€ DO GOBERNO CENTRAL EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira está a distribuír estes días entre a veciñanza unha nova edición do boletín informativo “As7Parroquias”, no que recolle as novidades máis destacadas do traballo municipal dos últimos meses. Así, neste número 18 da publicación destaca a noticia do compromiso acadado polo Ministerio de Transición Ecolóxica de financiar con 2,6 millóns de euros a rexeneración da praia da Madalena e o proxecto de recuperación da antiga cetaria das Sonreiras, así como a modificación de créditos aprobada polo pleno, a través da cal o Concello incorpora máis de medio millón de euros ao capítulo de investimentos deste ano, procedentes de remanentes do pasado 2020.

O novo programa de axudas creado polo Concello de Cedeira para paliar o impacto da covid nas empresas e autónomos da vila, dotado con 70.000 euros, é outra das cuestións das que informa o boletín. “As7Parroquias” tamén dá conta da execución dos orzamentos participativos, coa realización do parque de calistenia e o ciclo de auto-cine, así como da presencia de Cedeira na última edición de Fitur.

O rexeitamento aos proxectos de parques eólicos mariños que proxecta Iberdrola no litoral próximo a Cedeira e tamén ao parque eólico terrestre Badulaque é tamén un tema que aborda o boletín, en cuxas páxinas o Concello informa igualmente da recente contratación de todos os suministros enerxéticos municipais de fontes renovables. A nova ordenanza de protección de camiños municipais e o apoio do Concello á flota pesqueira fronte ao regulamento proposto pola Unión Europea son outros dos temas que aborda a publicación.

A Banda de Música Vila de Cedeira protagoniza desta volta a contraportada do boletín, despois dunha recente renovación na directiva. O relevo xeracional garante o futuro desta formación, con grande arraigamento na localidade e cun espíritu bulideiro que a leva a integrar todo tipo de músicas no seu repertorio.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

DESCARGA Boletín nº 18

PROCESO DE SELECCIÓN E CONTRATACIÓN DE PERSOAL ADMINISTRATIVO GALP A MARIÑA-ORTEGAL

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal, convoca o proceso de selección de persoal para a cobertura dun posto de Administrativo para a aplicación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP 2014-2020).

As condicións e requisitos pódense consultar nas bases que regularán este proceso de selección, que estarán dispostas na páxina web https://galp.xunta.gal/, ou chamando ao teléfono: 986 50 71 22 en horario de 08:00 a 15:00 horas de luns a venres.

As solicitudes serán presentadas no prazo máximo de 15 días hábiles contados dende a última publicación nos medios indicados na Base 4.1, debendo realizarse segundo o modelo que se xunta como Anexo I ás Bases, nas oficinas de ADM ASESORES, sito en Avda Agustín Romero, 1-1º de Vilagarcía de Arousa, en horario de luns a venres, de 08:00 a 15:00 horas; ou ben, por correo electrónico dirixido á dirección: egg@admasesores.com

O CONCELLO ADXUDICA 36.000€ DE AXUDAS ENTRE OS CLUBS E ENTIDADES DEPORTIVAS DA VILA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a concesión de subvencións por valor de 36.000€ para clubs e entidades deportivas do municipio neste ano 2021. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, celebrou a “volta a normalidade” no que atinxe a esta convocatoria, porque de novo este ano “esgotáronse os fondos, como era habitual antes da pandemia, e este é un sinal máis de que estamos a superar as dificultades”.

O alcalde destacou que o deporte “ten moita vida e moita riqueza en Cedeira”, non so pola variedade de disciplinas e intensidade das actividades, senón tamén “polos grandes resultados dos nosos deportistas”. Moreda quixo poñer de relevo o traballo que se está a facer desde as entidades deportivas e agradeceu a directivos, adestradores, patrocinadores e mesmo aos pais e nais que levaron aos seus fillos ás actividades, o grande esforzo que realizaron no cumprimento das medidas anticovid. Tanto a actividade dos clubs como das escolas deportivas, que funcionaron este curso na súa totalidade, foi “importantísima para manter activos aos nenos e nenas, e á mocidade”. O alcalde reiterou, por último, a decidida “aposta polo deporte” do seu goberno.

O reparto de fondos faise a través do sistema de concorrencia competitiva, segundo criterios obxectivos, tanto no capítulo de actividades –ao que o programa reserva 30.000€- como de investimentos –dotado con 6.000€-.

No primeiro caso, as subvencións para a realización de actividades concedéronse ás seguintes entidades:

  • Escudería JSM Competición: 2.571,23€
  • Cedeira SD: 7.000€ -Club Natación Cedeira: 7.000€
  • Cedeira Tenis Club: 4.640,77€
  • Club de Buceo Cedeira: 1.788€
  • Club de Remo Cedeira: 7.000€

En canto ás axudas para investimentos, dotadas cun total de 6.000€, foron para:

  • Escudería JSM Competición: 1.071,90€
  • Club Natación Cedeira: 2.000€
  • Club de Remo Cedeira: 2.928,10€