Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O CONCELLO DE CEDEIRA PRESENTA UNHA MARCA TERRITORIAL PROPIA

O “PROGRAMA PARTICIPATIVO DE DESENVOLVEMENTO PESQUEIRO E TURÍSTICO DE CEDEIRA. IMPULSO Á GOBERNANZA DO SECTOR PESQUEIRO E TURÍSTICO NO DESENVOLVEMENTO SOCIOECONÓMICO DA VILA DE CEDEIRA -PESCATURACCIÓN CEDEIRA”, financiado co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca a través do GALP A Mariña – Ortegal, celebraba nos meses de abril e maio unha serie de obradoiros coa participación de axentes clave do sector da pesca, do marisqueo e do turismo, nos que se deu contraste a un diagnóstico territorial de identificación de atributos diferenciais destes sectores económicos clave no municipio.

A partir da identificación destes elementos diferenciais elaborouse unha marca do territorio que o Concello de Cedeira está a utilizar xa na súa páxina web e redes sociais.

Os elementos diferenciais que se identificaron foron:

  • En primeiro lugar, os produtos gastronómicos procedentes do mar, a través dos métodos sostibles da pesca de baixura e do marisqueo a pé que garanten a calidade e a frescura do produto.
  • En segundo lugar, a contorna natural do municipio, base da riqueza única paisaxística, xeolóxica e patrimonial, para o desenvolvemento dun turismo vinculado á natureza, a través do mar e da terra.

Así, o imagotipo ou forma de representación gráfica da marca, o símbolo e o nome forman unha unidade visual, un conxunto que, neste caso, lembran ao “peixe” distintivo de Santo André de Teixido. As súas cores evocan á paisaxe litoral. Esta imaxe constitúe unha icona por excelencia do sector da pesca na vila e do seu imaxinario social.

No manual de identidade corporativa prevese a aplicación desta marca a múltiples soportes e dispositivos de comunicación, utilizando esta imaxe en temáticas ligadas non só á visibilización da pesca e á promoción do turismo e do patrimonio, senón tamén da cultura, da educación e do deporte, tal e como se observa nas imaxes anexas.

Ademais, co obxectivo de outorgar recoñecemento ao produto local de Cedeira e darlle valor ao peixe, ás especies extraídas na pesca de baixura e no marisqueo, á potencial transformación e á propia artesanía local, deseñouse un selo de calidade. Este selo de calidade poderá constituír unha denominación de orixe de Cedeira na que caben todos os produtos locais elaborados dende a vila. Tamén se habilitou un distintivo de “establecemento asociado”, para aqueles negocios que promocionen e vendan produtos “feitos en Cedeira.”

 

CONSULTA PÚBLICA PARA A APROBACIÓN DUNHA ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE GUINDASTRE

Este concello pretende a aprobación dunha Ordenanza Municipal reguladora da taxa pola prestación do servizo de guindastre.

Co obxectivo de garantir a participación dos cidadáns na elaboración da ordenanza e en cumplimento do disposto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas – LPACAP-, substánciase unha consulta pública previa para solicitar a opinión dos cidadáns e das organizacións máis representativas que potencialmente se poidan ver afectados pola mesma, sobre unha serie de aspectos como son os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

No presente caso considérase unha duración de dez días hábiles para que se presenten as opinións a que fai referencia o artigo 133 da mencionada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Na seguinte ligazón pode consultarse o texto íntegro da providencia da Alcaldía:

DESCARGAR PDF Providencia de Alcaldía consulta pública para unha ordenanza municipal reguladora da taxa pola prestación do servizo de guindastre do Concello de Cedeira.

“AS7PARROQUIAS” DESTACA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO O INVESTIMENTO DE 2,6M€ DO GOBERNO CENTRAL EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira está a distribuír estes días entre a veciñanza unha nova edición do boletín informativo “As7Parroquias”, no que recolle as novidades máis destacadas do traballo municipal dos últimos meses. Así, neste número 18 da publicación destaca a noticia do compromiso acadado polo Ministerio de Transición Ecolóxica de financiar con 2,6 millóns de euros a rexeneración da praia da Madalena e o proxecto de recuperación da antiga cetaria das Sonreiras, así como a modificación de créditos aprobada polo pleno, a través da cal o Concello incorpora máis de medio millón de euros ao capítulo de investimentos deste ano, procedentes de remanentes do pasado 2020.

O novo programa de axudas creado polo Concello de Cedeira para paliar o impacto da covid nas empresas e autónomos da vila, dotado con 70.000 euros, é outra das cuestións das que informa o boletín. “As7Parroquias” tamén dá conta da execución dos orzamentos participativos, coa realización do parque de calistenia e o ciclo de auto-cine, así como da presencia de Cedeira na última edición de Fitur.

O rexeitamento aos proxectos de parques eólicos mariños que proxecta Iberdrola no litoral próximo a Cedeira e tamén ao parque eólico terrestre Badulaque é tamén un tema que aborda o boletín, en cuxas páxinas o Concello informa igualmente da recente contratación de todos os suministros enerxéticos municipais de fontes renovables. A nova ordenanza de protección de camiños municipais e o apoio do Concello á flota pesqueira fronte ao regulamento proposto pola Unión Europea son outros dos temas que aborda a publicación.

A Banda de Música Vila de Cedeira protagoniza desta volta a contraportada do boletín, despois dunha recente renovación na directiva. O relevo xeracional garante o futuro desta formación, con grande arraigamento na localidade e cun espíritu bulideiro que a leva a integrar todo tipo de músicas no seu repertorio.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

DESCARGA Boletín nº 18