O CONCELLO DE CEDEIRA PRESENTA UNHA MARCA TERRITORIAL PROPIA
O “PROGRAMA PARTICIPATIVO DE DESENVOLVEMENTO PESQUEIRO E TURÍSTICO DE CEDEIRA. IMPULSO Á GOBERNANZA DO SECTOR PESQUEIRO E TURÍSTICO NO DESENVOLVEMENTO SOCIOECONÓMICO DA VILA DE CEDEIRA -PESCATURACCIÓN CEDEIRA”, financiado co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca a través do GALP A Mariña – Ortegal, celebraba nos meses de abril e maio unha serie de obradoiros coa participación de axentes clave do sector da pesca, do marisqueo e do turismo, nos que se deu contraste a un diagnóstico territorial de identificación de atributos diferenciais destes sectores económicos clave no municipio.
A partir da identificación destes elementos diferenciais elaborouse unha marca do territorio que o Concello de Cedeira está a utilizar xa na súa páxina web e redes sociais.
Os elementos diferenciais que se identificaron foron:
- En primeiro lugar, os produtos gastronómicos procedentes do mar, a través dos métodos sostibles da pesca de baixura e do marisqueo a pé que garanten a calidade e a frescura do produto.
- En segundo lugar, a contorna natural do municipio, base da riqueza única paisaxística, xeolóxica e patrimonial, para o desenvolvemento dun turismo vinculado á natureza, a través do mar e da terra.
Así, o imagotipo ou forma de representación gráfica da marca, o símbolo e o nome forman unha unidade visual, un conxunto que, neste caso, lembran ao “peixe” distintivo de Santo André de Teixido. As súas cores evocan á paisaxe litoral. Esta imaxe constitúe unha icona por excelencia do sector da pesca na vila e do seu imaxinario social.
No manual de identidade corporativa prevese a aplicación desta marca a múltiples soportes e dispositivos de comunicación, utilizando esta imaxe en temáticas ligadas non só á visibilización da pesca e á promoción do turismo e do patrimonio, senón tamén da cultura, da educación e do deporte, tal e como se observa nas imaxes anexas.
Ademais, co obxectivo de outorgar recoñecemento ao produto local de Cedeira e darlle valor ao peixe, ás especies extraídas na pesca de baixura e no marisqueo, á potencial transformación e á propia artesanía local, deseñouse un selo de calidade. Este selo de calidade poderá constituír unha denominación de orixe de Cedeira na que caben todos os produtos locais elaborados dende a vila. Tamén se habilitou un distintivo de “establecemento asociado”, para aqueles negocios que promocionen e vendan produtos “feitos en Cedeira.”