Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O NOVO PROGRAMA DE “AXUDAS-COVID” DE CEDEIRA REPARTE 70.000€ ENTRE 232 NEGOCIOS LOCAIS

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte a resolución coa concesión das axudas correspondentes á segunda convocatoria artellada polo Concello de Cedeira con fondos propios –á que se suma outra cofinanciada coa Deputación-, para minimizar o impacto da Covid-19 no tecido empresarial da localidade. Desta volta repartíronse 70.000€ entre os 232 autónomos e empresas que presentaron solicitude e cumprían os requisitos. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliñou que “a vontade do goberno municipal foi desde o primeiro momento estar xunto aos emprendedores e as emprendedoras”.

“Cedeira foi o primeiro municipio da zona en sacar en 2020 unha convocatoria de axudas con esta finalidade -explicou o alcalde-, despois chegou o PEL Reactiva da Deputación, no que tamén colaborou o Concello, e con este novo programa quixemos chegar a aqueles negocios que non puideron acollerse a algún dos dous anteriores”. Tal como se establecía nas bases da segunda convocatoria de “axudas-covid”, os fondos dispoñibles rateáronse entre todas as solicitudes que cumprían cos requisitos, que foron un total de 232 das 235 recibidas, para chegar a esgotar o presuposto dispoñible. Así, concédense importes de 287, 359 ou 431 euros en función do número de empregos que dependen de cada negocio.

Con estas axudas, son xa máis de 170.000 euros os fondos do seu orzamento municipal que o Concello de Cedeira destinou a paliar os efectos da crise derivada da pandemia. O primeiro programa municipal repartiu 76.750€ a 112 negocios e posteriormente o PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, cun 20% de aportación municipal, distribuiu outros 135.324,46€ a 62 empresas. A estas liñas de axudas a fondo perdido, súmase a exención das taxas por colocación de terrazas nos espazos públicos, que o Concello estableceu para apoiar ao sector hostaleiro.

As subvencións van dirixidas a financiar gastos estruturais e de funcionamento correntes vencellados ao mantemento da actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021, ben sexan de aluguer de local ou vehículos de empresa, pago de hipoteca da sede da empresa, dixitalización do negocio, nóminas de traballadores, cotas da Seguridade Social, subministracións de materias primas, servizos profesionais, seguros, facturas de luz, electricidade ou gas, etc. Os emprendedores ou emprendedoras que se beneficien das axudas teñen de prazo ata o 31 de xaneiro de 2022 para xustificar estes gastos.

Enlace á resolución: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/11/12/2021_0000007942.pdf