Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO LICITA A XESTIÓN DO SERVIZO DE CAFETERÍA E RESTAURANTE DO CENTRO SOCIOCULTURAL DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira acaba de sacar a concurso a explotación do servizo de cafetería e restaurante do Centro Sociocultural, un espazo de preto de 400 metros cadrados que adoita ter moita vida polas numerosas actividades que acolle o edificio e que mesmo emprega a administración local para celebrar diferentes actos ao longo do ano. As empresas poden presentar ata o día 23 as súas ofertas e optar á xestión deste negocio durante os vindeiros tres anos, prorrogables por outros dous. Para incentivar a presentación de ofertas, o prego establece que o Concello poderá pagar mensualmente á empresa ou persoa autónoma que resulte adxudicataria ata 800€ (máis IVE).

O servizo de cafetería-restaurante prestarase como mínimo seis días á semana –a xornada de peche non poderá ser nin sábado nin domingo- e o horario polo menos abranguerá de 13.30 a 15.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Á hora de evaluar as ofertas, teranse en conta entre outras cousas o horario ofertado, a variedade de produtos da carta e os prezos, que teñen que ser reducidos, así como a organización de actividades –entre as que deberán estar como mínimo unha cea de Nadal e outra de Entroido- e os descontos para persoas xubiladas. A oferta ten que establecer un prezo a percibir do Concello polo adxudicatario –de ata 800€ ao mes- ou ben a pagar ao Concello.

A empresa adxudicataria farase cargo da limpeza e conservación das instalacións, así como do suministro de teléfono e internet e dunha póliza de seguros. No prego de condicións detállase todo o equipamento co que conta o servizo, desde a cociña e frigoríficos ata mesas, cadeiras e mesmo todo o enxoval.

O Centro Sociocultural de Cedeira está situado no casco urbano da vila, na rúa Convento, nun edificio que acolle o Auditorio Municipal e que ten outros servizos municipais abertos diariamente. Entre outras cousas, ten alí a súa sede a Escola de Música Vila de Cedeira, a cuxas clases asisten este curso preto de 150 persoas.

Descarga PDF Anuncio de licitación

DESCARGA PDF APROBACIÓN DO EXPTE. DE CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE EXPLOTACIÓN DA CAFETERÍA-RESTAURANTE DO CENTRO SOCIO-CULTURAL

DESCARGA PDF MEMORIA XUSTIFICATIVA DA NECESIDADE DE CONTRATAR O SERVIZO DE EXPLOTACIÓN DA CAFETERÍA-RESTAURANTE DO CENTRO SOCIO-CULTURAL

DESCARGA PDF PREGO DE CLÁUSULAS ADMINISTRATIVAS PARTICULARES

DESCARGA PDF PREGO DE PRESCRICIÓNS TÉCNICAS

PERFIL DO CONTRATANTE: Plataforma de Contratos do Sector Público
https://contrataciondelestado.es .

O CONCELLO INVISTE PRETO DE 60.000€ NA MELLORA DO FIRME DO VIAL QUE UNE O BARRAL COA ESTRADA AC-566

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación para levar a cabo a renovación do aglomerado do vial que vai desde O Barral ata a AC-566. É unha actuación que conta cun presuposto de 57.704€ (IVE incluído) e que servirá para mellorar o firme da estrada e poñer ao día a sinalización horizontal, mellorando con elo a seguridade do tráfico rodado.

O vial ten un trazado practicamente recto de case un kilómetro de lonxitude, cun ancho medio de 3,7 metros. Na actualidade o asfalto está deteriorado e hai un ancho insuficiente para o paso de dous vehículos. A actuación que vai acometer o Concello de Cedeira incluirá a limpeza das marxes da plataforma e a adecuación de novas gabias, para o aproveitamento de toda a plataforma. Extenderase unha nova capa de asfalto e procederase a pintar as liñas brancas que delimitan o vial para mellorar no posible a seguridade da circulación.

As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o vindeiro 21 de marzo. O procemento é aberto simplificado e o plazo de execución é dun mes.

A CEDEIRESA NEREA CASAS YÁÑEZ VIAXARÁ REPRESENTANDO A GALICIA AO CONCURSO DE MISS GRAND ESPAÑA

A cedeiresa Nerea Casas Yáñez é unha das dúas representantes que vai enviar Galicia ao certame de beleza Miss Grand España que se vai celebrar do 19 ao 26 de marzo en Tenerife. A moza vive con moita ilusión a súa participación no concurso, que prepara estes días con probas de vestidos e clases de pasarelas, compatibilizando todo iso co seu traballo, no departamento de recursos humanos dunha coñecida cadena de xoiería da Coruña, e co estudo de tres másters.

Con 22 anos, Nerea Casas explica que presentarse ao concurso de beleza de Miss España é un empeño que ten desde hai tempo e que quería lograr para contarllo aos seus netos. Conseguiuno na sexta ocasión na que se presentou ao concurso autonómico, precisamente cando menos o esperaba. “Para min é unha oportunidade grandísima e unha ilusión, e vou aproveitar a experiencia ao máximo”, comenta.

Nerea Casas é titulada en Relacións Laborais e Recursos Humanos e actualmente está a cursar tres programas máster, en Márketing Dixital, MBA e Dirección e Xestión de Persoas. O vindeiro día 19 viaxará ata Tenerife, onde ten un apretado programa de visitas, actividades, desfiles e entrevistas xunto coas outras 33 candidatas. Di que ao rematar seguro que poderá volver uns días por Cedeira, localidade á que sempre volve en vacacións e desde a que a súa familia e amizades a siguen tamén con moita ilusión.