Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA A XESTIÓN DO SERVIZO DE CAFETERÍA E RESTAURANTE DO CENTRO SOCIOCULTURAL DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira acaba de sacar a concurso a explotación do servizo de cafetería e restaurante do Centro Sociocultural, un espazo de preto de 400 metros cadrados que adoita ter moita vida polas numerosas actividades que acolle o edificio e que mesmo emprega a administración local para celebrar diferentes actos ao longo do ano. As empresas poden presentar ata o día 23 as súas ofertas e optar á xestión deste negocio durante os vindeiros tres anos, prorrogables por outros dous. Para incentivar a presentación de ofertas, o prego establece que o Concello poderá pagar mensualmente á empresa ou persoa autónoma que resulte adxudicataria ata 800€ (máis IVE).

O servizo de cafetería-restaurante prestarase como mínimo seis días á semana –a xornada de peche non poderá ser nin sábado nin domingo- e o horario polo menos abranguerá de 13.30 a 15.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Á hora de evaluar as ofertas, teranse en conta entre outras cousas o horario ofertado, a variedade de produtos da carta e os prezos, que teñen que ser reducidos, así como a organización de actividades –entre as que deberán estar como mínimo unha cea de Nadal e outra de Entroido- e os descontos para persoas xubiladas. A oferta ten que establecer un prezo a percibir do Concello polo adxudicatario –de ata 800€ ao mes- ou ben a pagar ao Concello.

A empresa adxudicataria farase cargo da limpeza e conservación das instalacións, así como do suministro de teléfono e internet e dunha póliza de seguros. No prego de condicións detállase todo o equipamento co que conta o servizo, desde a cociña e frigoríficos ata mesas, cadeiras e mesmo todo o enxoval.

O Centro Sociocultural de Cedeira está situado no casco urbano da vila, na rúa Convento, nun edificio que acolle o Auditorio Municipal e que ten outros servizos municipais abertos diariamente. Entre outras cousas, ten alí a súa sede a Escola de Música Vila de Cedeira, a cuxas clases asisten este curso preto de 150 persoas.

Descarga PDF Anuncio de licitación

DESCARGA PDF APROBACIÓN DO EXPTE. DE CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE EXPLOTACIÓN DA CAFETERÍA-RESTAURANTE DO CENTRO SOCIO-CULTURAL

DESCARGA PDF MEMORIA XUSTIFICATIVA DA NECESIDADE DE CONTRATAR O SERVIZO DE EXPLOTACIÓN DA CAFETERÍA-RESTAURANTE DO CENTRO SOCIO-CULTURAL

DESCARGA PDF PREGO DE CLÁUSULAS ADMINISTRATIVAS PARTICULARES

DESCARGA PDF PREGO DE PRESCRICIÓNS TÉCNICAS

PERFIL DO CONTRATANTE: Plataforma de Contratos do Sector Público
https://contrataciondelestado.es .