Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CURSOS DEPORTIVOS DE VERÁN 2023

Mañá 18 de xullo ábrese o prazo de inscrición para as actividades de verán 2023 que o Concello organiza no polideportivo municipal, durante o mes de agosto.

As prazas cubriranse por riguroso orde de inscrición ata cubrir o cupo desde o 18 ao 21 de xullo. A confirmación da praza deberá realizarse entre o 27 e o 29 de xullo e o inicio das actividades serán o 1 de agosto.

As actividades que se ofertan son:

Adult@s

  • Aquagym
  • Saúde na auga
  • Natación

Nen@s

  • Natación infantil

Recomendase a preincrición a través de:
Teléfono 981 482 633
Presencial nas oficinas do Polideportivo Municipal de 8.00 a 15.00h e de 19.00 a 22.00h.

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE ESTE SÁBADO, 15 DE XULLO, O XXVI FESTIVAL DE MÚSICA CORAL E HABANERAS

A Asociación cultural Virxe do Mar organiza outro ano máis xunto coa colaboración do Concello o XXVI Festival de Música Coral e Habaneras. O evento musical, que é gratuíto, celebrarase este sábado, 15 de xullo, ás 19 horas no Auditorio Municipal (rúa María Mediadora, esquina rúa Convento).

Este ano o evento é máis especial, pois conmemora tamén os 26 anos da Coral Virxe do Mar, que celebra unhas vodas de prata que por mor da pandemia non se puideron celebrar antes. A Coral Virxe do Mar comezou en 1997, e ata a actualidade ofreceu concertos e actuacións en diferentes puntos de Galicia e en varias Comunidades Autónomas de España, así como en cidades europeas como Praga. Actualmente integran a agrupación arredor de 25 coralistas, que recibirán un pequeno detalle no evento como mostra de agradecemento polo compromiso e entrega coa Coral.

Este ano participarán no concerto, ademais da Coral Polifónica Virxe do Mar, de Cedeira, dúas agrupacións de Ferrol: a Coral Polifónica de Caranza e a Rondalla Añoranzas. Cada unha interpretará un total de cinco cancións.

O CASTELO DA CONCEPCIÓN E O PARQUE DE SAN ISIDRO ACOLLERÁN CONCERTOS DA SÉTIMA EDICIÓN DO FESTIVAL “JAZZ DE RÍA”

Onte tivo lugar a presentación da sétima edición de “Jazz de Ría”, que ofrecerá concertos e diferentes actividades gratuítas do 18 ao 21 de agosto en varias localidades da Costa Ártabra. O Castelo da Concepción e o parque de San Isidro son os dous lugares elixidos para celebrar os concertos desta edición no municipio de Cedeira.

Este evento, que conta cun longo percorrido noutras localidades da comarca, chega a Cedeira por segunda vez para encher a vila de música jazz. O alcalde, Pablo Moreda, expresou a súa satisfacción de que o festival volva a celebrarse en Cedeira, dado o gran éxito que tivo na edición pasada.

O domingo 20 de agosto será a quenda de Cedeira onde, de forma previa ás actuacións musicais, realizarase un roteiro turístico polo Sarridal. Ás 18.30 horas será a andaina, que partirá do Porto de Cedeira ata o Castelo da Concepción, onde ás 19.30 horas terá lugar a actuación cos relatos musicados de ‘Amares’, na que Rilo & Penadique recrean historias de mulleres do mar.

E ás 21.30 horas será o momento de Xosé Miguélez e Jean-Michel Pil no parque de San Isidro. O saxofonista galego Xosé Miguélez presenta un novo proxecto chamado “Contradictio”. Faino en cuarteto xunto co pianista francés Jean-Michel Pilc e os portugueses Carlos Barretto no contrabaixo, e o batería Marcos Cavaleiro.

O festival pretende buscar o equilibrio entre o jazz galego e o jazz estatal, apostando tamén pola colaboración entre artistas e festivais doutros lugares. Ademais, ten como obxectivo converter á comarca de Ferrolterra nun área de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz, pero non só a nivel musical, senón tamén como un atractivo turístico.