Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE ESTE SÁBADO, 15 DE XULLO, O XXVI FESTIVAL DE MÚSICA CORAL E HABANERAS

A Asociación cultural Virxe do Mar organiza outro ano máis xunto coa colaboración do Concello o XXVI Festival de Música Coral e Habaneras. O evento musical, que é gratuíto, celebrarase este sábado, 15 de xullo, ás 19 horas no Auditorio Municipal (rúa María Mediadora, esquina rúa Convento).

Este ano o evento é máis especial, pois conmemora tamén os 26 anos da Coral Virxe do Mar, que celebra unhas vodas de prata que por mor da pandemia non se puideron celebrar antes. A Coral Virxe do Mar comezou en 1997, e ata a actualidade ofreceu concertos e actuacións en diferentes puntos de Galicia e en varias Comunidades Autónomas de España, así como en cidades europeas como Praga. Actualmente integran a agrupación arredor de 25 coralistas, que recibirán un pequeno detalle no evento como mostra de agradecemento polo compromiso e entrega coa Coral.

Este ano participarán no concerto, ademais da Coral Polifónica Virxe do Mar, de Cedeira, dúas agrupacións de Ferrol: a Coral Polifónica de Caranza e a Rondalla Añoranzas. Cada unha interpretará un total de cinco cancións.