Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CASTELO DA CONCEPCIÓN E O PARQUE DE SAN ISIDRO ACOLLERÁN CONCERTOS DA SÉTIMA EDICIÓN DO FESTIVAL “JAZZ DE RÍA”

Onte tivo lugar a presentación da sétima edición de “Jazz de Ría”, que ofrecerá concertos e diferentes actividades gratuítas do 18 ao 21 de agosto en varias localidades da Costa Ártabra. O Castelo da Concepción e o parque de San Isidro son os dous lugares elixidos para celebrar os concertos desta edición no municipio de Cedeira.

Este evento, que conta cun longo percorrido noutras localidades da comarca, chega a Cedeira por segunda vez para encher a vila de música jazz. O alcalde, Pablo Moreda, expresou a súa satisfacción de que o festival volva a celebrarse en Cedeira, dado o gran éxito que tivo na edición pasada.

O domingo 20 de agosto será a quenda de Cedeira onde, de forma previa ás actuacións musicais, realizarase un roteiro turístico polo Sarridal. Ás 18.30 horas será a andaina, que partirá do Porto de Cedeira ata o Castelo da Concepción, onde ás 19.30 horas terá lugar a actuación cos relatos musicados de ‘Amares’, na que Rilo & Penadique recrean historias de mulleres do mar.

E ás 21.30 horas será o momento de Xosé Miguélez e Jean-Michel Pil no parque de San Isidro. O saxofonista galego Xosé Miguélez presenta un novo proxecto chamado “Contradictio”. Faino en cuarteto xunto co pianista francés Jean-Michel Pilc e os portugueses Carlos Barretto no contrabaixo, e o batería Marcos Cavaleiro.

O festival pretende buscar o equilibrio entre o jazz galego e o jazz estatal, apostando tamén pola colaboración entre artistas e festivais doutros lugares. Ademais, ten como obxectivo converter á comarca de Ferrolterra nun área de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz, pero non só a nivel musical, senón tamén como un atractivo turístico.