Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A obra que dotará de saneamento aos núcleos de Casal de María e Vila do Río xa está en fase e execución

A OBRA QUE DOTARÁ DE SANEAMENTO AOS NÚCLEOS DE CASAL DE MARÍA E VILA DO RÍO XA ESTÁ EN FASE E EXECUCIÓN

O Concello de Cedeira está a dotar de saneamento os núcleos de Casal de María e Vila do Río, os dous pertencentes á parroquia de San Román de Montoxo, cos traballos que darán comezo este mes e que estarán rematados no prazo de 28 días naturais.

O prezo de licitación superou os 98.500 euros e o proxecto finalmente foi contatado, por un importe de 76.830 euros, á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones SA, ao resultar gañadora dun proceso de adxudicación no que tomaron parte un total de 13 construtoras.

As obras, no seu conxunto, discurrirán ao longo de un quilómetro e darán lugar á instalación dun total de 26 pozos prefabricados e á construción de zanjas con profundidade maior aos 1,75 metros. As canalizacións discorrerán por camiños de propiedade municipal e transportarán as augas residuais ata a estación depuradora situada na mesma parroquia, nas inmediacións do ría das Mestas.

O goberno municipal de Cedeira considera que é unha satisfacción poder anunciar o inicio dunha nova actuación que, neste caso, beneficiará de maneira máis directa aos veciños de Casal de María e de Vila do Río, pero que tamén repercutirá no conxunto da poboación cedeirense e mesmo dos seus visitantes, porque con ela estase a evitar a vertedura de augas residuais.

O programa “Música na rúa” dará lugar a cinco actuacións durante a segunda quincena deste mes

O PROGRAMA “MÚSICA NA RÚA” DARÁ LUGAR A CINCO ACTUACIÓNS DURANTE A SEGUNDA QUINCENA DESTE MES

O Concello de Cedeira activa para a segunda quincena deste mes unha nova edición do programa Música na Rúa, que este ano chega ao seu quinto ano consecutivo e que arrincará o próximo domingo coa primeira das citas. Esta será na praza Floreal e terá como protagonista a banda de música Vila de Cedeira, cuxas interpretacións darás comezo ás 13.00 horas.

Posteriormente, a actividade trasladarase á xornada do día 21 coa actuación do grupo As Aturuxeiras, a partir das 13.00 horas, na praza do Concello.

A fin de semana máis intensa en canto a convocatorias musicais será durante a ponte do Apóstolo, na que haberá un total de tres. A primeira delas terá lugar o mesmo día da festividade de Santiago, data na que Buxainas actuará ás 13.00 horas na praza da Marieta, mentres que as dúas últimas serán o sábado 27 de xullo. Así, o paseo da Mariña acollerá, ás 13.00 horas, a intervención do grupo Acordeóns de Cedeira e pola tarde, a partir das sete, será o Festival Folclórico que, organizado pola asociación Buxainas, celebrarase na praza Roxa.

O Concello amplía a oferta turística con roteiros pola vila, San Andrés e paseo marítimo/faro da Robaleira

O CONCELLO AMPLÍA A OFERTA TURÍSTICA CON ROTEIROS POLA VILA, SAN ANDRÉS E PASEO MARÍTIMO/FARO DA ROBALEIRA

O Concello de Cedeira vén de ampliar a oferta turística con tres saídas a pé que terán como destino o santuario de San Andrés, a vila e o paseo marítimo/faro da Robaleira. Son paseos dunhas tres horas de duración, excepto o que levará aos participantes a visitar o lugar de San Andrés de Teixido. A asistencia é gratuíta e o programa estará vixente ata a segunda quincena do próximo mes de setembro.

Trátase de roteiros cos que se quere afondar no coñecemento do municipio visitando aquelas zonas ou lugares de poden ser de especial interese para turistas e viaxeiros. O programa difúndese baixo o lema “Descubre Cedeira”. O denominado dos Tesouros discurre entre o paseo marítimo e o faro da Robaleira, mentres que o ten como referencia o casco vello da vila cedeirense chegará ata a capela de San Antonio, o xacemento do Sarridal e o castelo da Concepción. O roteiro de San Andrés achegará aos visitantes á Galicia máis tradicional e salvaxe.

As saídas realizaranse os martes e xoves e as persoas que desexen sumarse a esta iniciativa xa poden inscribirse na oficina de Turismo (avenida Castalao, nº 18), no correo electrónico mar.lopez@ cedeira.es ou mesmo no teléfono 981 482 187. Todas as saídas terán como punto de partida a oficina de información turística e se levarán a cabo en horario de mañá, a partir das 10.00 horas. Desde a organización recoméndase aos participantes levar calzado de monte, bastón, auga, froita e chuvasqueiro.