Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Alumnos de primaria e de antropoloxía visitaron onte o xacemento arqueolóxico do Sarridal

ALUMNOS DE PRIMARIA E DE ANTROPOLOXÍA VISITARON ONTE O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DO SARRIDAL

O xacemento do Sarridal está a despertar curiosidade entre os escolares e centros educativos da comarca. Onte visitaron o lugar un grupo de alumnos 3º e 6º de Primaria do colexio Nicolás del Río e de Antropoloxía do IES Candieira e para hoxe venres se espera a chegada doutro grupo de estudantes das Pontes.

O certo é que o lugar non deixa de sorprender. Se xa o fixera no inverno do ano 2107 coa localización da quinta pedra formosa atopada en Galicia, esta nova escavación, a quinta que se realiza na zona e que deu comezo o 22 de abril, volve a marabillar a profesionais da arqueoloxía e mesmo a veciñanza.

Os traballos que agora se están a realizar na muralla do castro están a sacar á luz unha construción defensiva que, a concelleira de Cultura e arqueóloga de profesión, María Xosé Rodríguez Pérez, denominou “bastión”. Trátase, segundo Rodríguez Pérez, dunha especie de torreón ao que agora haberá de darlle utilidade e significado.

A concelleira foi a que hoxe acompañou aos escolares durante a súa visita ao monumento e a que tratou de ilustrar aos estudantes sobre as características dunha construción, cuxa cronoloxía se sitúa no século III a.C., que enriqueceu a historia local baseada nunha referencia arqueolóxica de moi altísimo valor patrimonial.

Esta quinta escavación prolongarase ata mediados do presente mes e a súa financiación corre a cargo integramente do Concello de Cedeira, que aporta os 15.000 euros necesarios para levala a cabo. A empresa AXA Arqueoloxía SL está ao fronte desta nova intervención no castro.