Isidoro Hornillos, invitado na XVIII Gala do Deporte de Cedeira que será mañá no Pavillón
ISIDORO HORNILLOS, INVITADO NA XVIII GALA DO DEPORTE DE CEDEIRA QUE SERÁ MAÑÁ NO PAVILLÓN
Á presenza de Vicente del Bosque e do remeiro Joaquín Montero Gómez nas dúas últimas citas da Gala do Deporte de Cedeira haberá que engadir a de Isidoro Hornillos na xornada de mañá venres. O actual presidente da Federación Galega de Atletismo e ex atleta olímpico asistirá pola tarde, a partir das 20.30 horas, á que fai a edición número XVIII da gala no pavillón municipal.
Isidoro Hornillos destacou en probas de velocidade e de maneira máis especial na dos 400 metros, na que obtivo os seus maiores éxitos deportivos. Hornillos formou parte así mesmo da selección española de atletismo, conseguindo diversos títulos de campión de España e varias plusmarcas nacionais absolutas. Na actualidade tamén está ao fronte da Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) e desde o ano 1990 é profesor universitario na Facultade de Ciencias do Deporte e de Educación Física da UDC, unhas actividades que tamén compaxina coa súa faceta de escritor.
O alcalde, Pablo Mareda Gil, destacou a importancia de contar cunha das grandes figuras do atletismo para dignificar aqueles deportes, tal vez menos coñecidos que o fútbol, pero relevantes tanto por tratarse de disciplinas “moi sacrificadas” como polos moitos logros e alegrías que supoñen para o deporte español. Moreda Gil volorou así mesmo o traballo que desde a Federación Galega se fai cara ao deporte local e reiterou o compromiso do goberno municipal co atletismo.