Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

IBUPROFENO TEATRO LEVA ESTE SÁBADO AO AUDITORIO DE CEDEIRA A SÚA PEZA “O MEL NON CADUCA”

A compañía Ibuprofeno Teatro levará este sábado ao Auditorio Municipal de Cedeira a obra “O mel non caduca”, unha “traxicomedia biodegradable e ecosostible” que propón unha reflexión arredor da lóxica consumista do mundo actual. A función será ás 20.00 horas e as persoas interesadas teñen que reservar previamente as localidades, cuxo prezo é de 2,50€.

Na peza conviven dúas historias situadas en diferentes espazos temporais, por un lado á de dous irmáns que descobren o corpo da súa nai esquecida e morta en soidade e por outro á de dous científicos que nun tempo futuro tratan de recuperar, a través do único bote de mel que queda, unha especie desaparecida, a das abellas, co devezo de rexenerar o equilibrio natural do mundo.

A actriz ferrolá Marián Bañobre interpreta a obra xunto con Avelino González, que ten levado o Premio ao Mellor Actor do Festival de Teatro Galego Celso Parada por este traballo. A obra ten guión de Santiago Cortegoso e nela conviven técnicas de clown, teatro de cámara, poesía visual e narración oral.

As persoas interesadas en asistir teñen que reservar as localidades a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou enviando un whatsapp ao número 649 876 614 en horario de 09.00 a 14.00h., indicando en calquera caso o nome das persoas que asistirán e un número de contacto. Poden reservarse as entradas ata o mesmo día da función se non se esgotan antes.

IDENTIFICACIÓN DE ZONAS CON BAIXA COBERTURA DE REDES DIXITAIS NO MUNICIPIO DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira informa de que o Goberno central está a realizar unha consulta pública para identificar as denominadas “zonas brancas” na cobertura de internet, aquelas que teñen unha velocidade inferior a 30 Mbps, sen plans para a súa dotación nos próximos tres anos. A administración local está a colaborar neste proceso de análise de necesidades, que forma parte do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais.

Así, existe xa un mapa no que están identificadas esas zonas brancas de Cedeira, que achegamos -están pintadas de cor verde-. Porén os veciños e veciñas que estimen que o lugar no que residen debería incluírse tamén poden comunicalo ao Concello coa finalidade de comprobar a calidade da cobertura e introducilo na relación. A consulta está aberta ata o 29 de maio.

O Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais ten como finalidade mellorar a calidade da conexión, para o que se van empregar os fondos Next Generation, para que toda a poboación teña acceso a redes NGA (acceso de nova xeración), é dicir, ás de tipo 5G.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, subliñou a importancia da conectividade para municipios como Cedeira, no que ter unha boa conexión de internet pode atraer nova poboación e mellorar a calidade de vida e de traballo da actual. “O teletraballo e tamén outros servizos que agora son capitais, como o acceso á atención sanitaria en liña, terán un impulso determinante a través dos fondos europeos para a recuperación”, comentou.

DESCARGAR MAPA NASEGUINTE LIGAZÓN:

DESCARGA PDF MAPA

O CONCELLO ABRE O PRAZO DUNHA NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ASOCIACIÓNS SOCIOCULTURAIS

O Concello de Cedeira abre unha nova convocatoria de subvencións para as entidades e asociacións socioculturais da vila, tanto no apartado de actividades como de investimentos, dotada en total con 36.000 euros. Despois da de 2020, un tanto mermada en solicitudes por mor das limitacións que impuxo a pandemia, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, expresou a confianza do goberno local en que este 2021 sexa un ano de paulatina recuperación do ritmo habitual e que as entidades se animen a retomar iniciativas que quedaran en suspenso “e que son, todas, moi importantes para dinamizar a vida social e cultural de Cedeira, porque promoven a participación e a relación entre a veciñanza”.

A convocatoria está aberta ata o vindeiro día 27 de maio. No apartado de actividades culturais, que está dotado con 30.000€, a contía máxima para cada entidade beneficiaria é de 7.000€ e as axudas van destinadas a subvencionar actividades musicais, teatrais e outros programas e actividades socio-culturais. Son gastos que poden acollerse a esta liña a compra de trofeos, material non inventariable e funxible, desprazamentos para participar en eventos, alugamento de locais e materiais, pago a persoal, facturas de mantemento como o teléfono, a luz, etc., seguros e cartelería e demais traballos de divulgación das actividades.

No apartado de investimentos, ao que o Concello reserva 6.000€. Neste caso, considéranse gasto subvencionable a compra de material inventariable relacionado coa actividade da entidade, por importe igual ou superior a 100€.

As entidades beneficiarias, que serán seleccionadas en réxime de concorrencia competitiva e segundo a puntuación obtida da aplicación dos criterios establecidos na convocatoria, deberán realizar o gasto antes do 15 de novembro deste ano e presentar a xustificación antes do 30 dese mesmo mes.