Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ABRE O PRAZO DUNHA NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ASOCIACIÓNS SOCIOCULTURAIS

O Concello de Cedeira abre unha nova convocatoria de subvencións para as entidades e asociacións socioculturais da vila, tanto no apartado de actividades como de investimentos, dotada en total con 36.000 euros. Despois da de 2020, un tanto mermada en solicitudes por mor das limitacións que impuxo a pandemia, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, expresou a confianza do goberno local en que este 2021 sexa un ano de paulatina recuperación do ritmo habitual e que as entidades se animen a retomar iniciativas que quedaran en suspenso “e que son, todas, moi importantes para dinamizar a vida social e cultural de Cedeira, porque promoven a participación e a relación entre a veciñanza”.

A convocatoria está aberta ata o vindeiro día 27 de maio. No apartado de actividades culturais, que está dotado con 30.000€, a contía máxima para cada entidade beneficiaria é de 7.000€ e as axudas van destinadas a subvencionar actividades musicais, teatrais e outros programas e actividades socio-culturais. Son gastos que poden acollerse a esta liña a compra de trofeos, material non inventariable e funxible, desprazamentos para participar en eventos, alugamento de locais e materiais, pago a persoal, facturas de mantemento como o teléfono, a luz, etc., seguros e cartelería e demais traballos de divulgación das actividades.

No apartado de investimentos, ao que o Concello reserva 6.000€. Neste caso, considéranse gasto subvencionable a compra de material inventariable relacionado coa actividade da entidade, por importe igual ou superior a 100€.

As entidades beneficiarias, que serán seleccionadas en réxime de concorrencia competitiva e segundo a puntuación obtida da aplicación dos criterios establecidos na convocatoria, deberán realizar o gasto antes do 15 de novembro deste ano e presentar a xustificación antes do 30 dese mesmo mes.