Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

IBUPROFENO TEATRO LEVA ESTE SÁBADO AO AUDITORIO DE CEDEIRA A SÚA PEZA “O MEL NON CADUCA”

A compañía Ibuprofeno Teatro levará este sábado ao Auditorio Municipal de Cedeira a obra “O mel non caduca”, unha “traxicomedia biodegradable e ecosostible” que propón unha reflexión arredor da lóxica consumista do mundo actual. A función será ás 20.00 horas e as persoas interesadas teñen que reservar previamente as localidades, cuxo prezo é de 2,50€.

Na peza conviven dúas historias situadas en diferentes espazos temporais, por un lado á de dous irmáns que descobren o corpo da súa nai esquecida e morta en soidade e por outro á de dous científicos que nun tempo futuro tratan de recuperar, a través do único bote de mel que queda, unha especie desaparecida, a das abellas, co devezo de rexenerar o equilibrio natural do mundo.

A actriz ferrolá Marián Bañobre interpreta a obra xunto con Avelino González, que ten levado o Premio ao Mellor Actor do Festival de Teatro Galego Celso Parada por este traballo. A obra ten guión de Santiago Cortegoso e nela conviven técnicas de clown, teatro de cámara, poesía visual e narración oral.

As persoas interesadas en asistir teñen que reservar as localidades a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou enviando un whatsapp ao número 649 876 614 en horario de 09.00 a 14.00h., indicando en calquera caso o nome das persoas que asistirán e un número de contacto. Poden reservarse as entradas ata o mesmo día da función se non se esgotan antes.