Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Labores de xestión de biomasa nas liñas de Unión Fenosa Distribución S.A.

LABORES DE XESTIÓN DE BIOMASA NAS LIÑAS DE UNIÓN FENOSA DISTRIBUCIÓN S.A.

Unión Fenosa Distribución vén de comunicar ao Concello de Cedeira a próxima realización de operacións de xestión de biomasa nas súas liñas, en virtude do cumprimento da Lei 12/2012 de Montes de Galicia, e conforme ao indicado na súa disposición final primeira, pola que se modifica a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Por elo, achéganse os planos correspondentes ao trazado das liñas onde se van a realizar os labores de xestión de biomasa para que se publiquen a efectos de que os propietarios dos terreos, se é do seu interese, poidan executalas previamente. Se transcorridos 15 días desde esta publicación o propietario do terreo non efectuou os labores de xestión de biomasa indicadas, Unión Fenosa Distribución procederá á súa realización.

Nas seguintes ligazóns pode consultar o texto íntegro da comunicación e o plano correspondente ao trazado das liñas afetadas:

IR Á LIGAZÓN Comunicación Unión Fenosa Distribución S.A.

IR Á LIGAZÓN Plano liñas e terreos afectados

A praza da Marieta acolle unha exposición sobre nutrición, obesidade e saúde

A PRAZA DA MARIETA ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN SOBRE NUTRICIÓN, OBESIDADE
E SAÚDE

O espazo antes ocupado por unha mostra que animaba ao un consumo responsable é o mesmo no que agora se atopa outra sobre nutrición, obesidade e saúde, tamén organizada pola Concellería de Medio Ambiente.

A antiga oficina de Turismo, situada na praza da Marieta, acolle desde esta semana unha exposición na que a través de 12 láminas e os correspondentes comentarios se aborda esta problemática, “unha auténtica praga do século XXI, desde o embarazo ata a adolescencia, pasando pola lactancia e as etapas de preescolar e infantil”, segundo o concelleiro responsable de dita área, Camilo Casal.

Na mostra coméntase a necesidade urxente de evitar que un de cada tres nenos/as teña sobrepeso ou sexa obeso, coas consecuencias moi negativas que terá cando sexa adulto, tales como diabetes, trastornos cardiovasculares, hipertensión arterial, entre outras posibles doenzas. Faise tamén fincapé en como evitar os malos hábitos, nas técnicas culinarias e as racións de cada alimento recomendables para as distintas idades.

Dado o interese que a mostra ten para o conxunto da poboación de Cedeira, desde a Concellería de Medio Ambiente anímase a veciñanza a visitala durante os próximos días. Estará aberta un mes.

O Concello desaconsella botar papel, envases lixeiros e vidro nos contedores de cor verde

O CONCELLO DESACONSELLA BOTAR PAPEL, ENVASES LIXEIROS E VIDRO NOS
CONTEDORES DE COR VERDE

O Concello de Cedeira, a través da área de Medio Ambiente, volve demandar a colaboración cidadá para mellorar o servizo de recollida de lixo.

A administración local pedía hai días axuda á cidadanía para depositar correctamente papeis e cartóns e evitar a saturación dos colectores de cor amarelo, e agora recorda as normas que existen con respecto ao uso dos verdes. Son recipientes destinados “a recibir os residuos orgánicos así como á chamada ‘fracción resto’ que abarca todos os que non se poden depositar nos de papel/cartón (azul), de envases lixeiros (amarelo) e de vidro”, aclara o Concello. Tamén se recorda que non van ao contedor verde os voluminosos, perigosos ou farmacéuticos.

Os responsables municipais lembran así mesmo que o servizo de recollida de lixo está a funcionar todos os días agás os domingos e festivos e reiteran que existe a obriga de pechar hermeticamente as bolsas antes de botalas nos contedores, un xesto que nunca se poderá levar a cabo nas vésperas de domingos e festivos pero si no serán do resto dos días. Quérese así evitar que os colectores se enchan prematuramente ou despidan cheiro que poida molestar aos veciños/as que viven nas proximidades dos mesmos. O Concello tamén aconsella procurar que nas bolsas non vaian líquidos para tratar de reducir a posibilidade de que acaben espallándose e manchando os interiores dos colectores.

O equipo de goberno reitera a necesidade de colaborar Concello e veciñanza para tratar de mellorar o funcionamento dos servizos públicos e o seu compromiso de limpar con máis frecuencia os contedores, especialmente durante os meses de verán.