O Concello desaconsella botar papel, envases lixeiros e vidro nos contedores de cor verde
O CONCELLO DESACONSELLA BOTAR PAPEL, ENVASES LIXEIROS E VIDRO NOS
CONTEDORES DE COR VERDE
O Concello de Cedeira, a través da área de Medio Ambiente, volve demandar a colaboración cidadá para mellorar o servizo de recollida de lixo.
A administración local pedía hai días axuda á cidadanía para depositar correctamente papeis e cartóns e evitar a saturación dos colectores de cor amarelo, e agora recorda as normas que existen con respecto ao uso dos verdes. Son recipientes destinados “a recibir os residuos orgánicos así como á chamada ‘fracción resto’ que abarca todos os que non se poden depositar nos de papel/cartón (azul), de envases lixeiros (amarelo) e de vidro”, aclara o Concello. Tamén se recorda que non van ao contedor verde os voluminosos, perigosos ou farmacéuticos.
Os responsables municipais lembran así mesmo que o servizo de recollida de lixo está a funcionar todos os días agás os domingos e festivos e reiteran que existe a obriga de pechar hermeticamente as bolsas antes de botalas nos contedores, un xesto que nunca se poderá levar a cabo nas vésperas de domingos e festivos pero si no serán do resto dos días. Quérese así evitar que os colectores se enchan prematuramente ou despidan cheiro que poida molestar aos veciños/as que viven nas proximidades dos mesmos. O Concello tamén aconsella procurar que nas bolsas non vaian líquidos para tratar de reducir a posibilidade de que acaben espallándose e manchando os interiores dos colectores.
O equipo de goberno reitera a necesidade de colaborar Concello e veciñanza para tratar de mellorar o funcionamento dos servizos públicos e o seu compromiso de limpar con máis frecuencia os contedores, especialmente durante os meses de verán.