Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

A praza da Marieta acolle unha exposición sobre nutrición, obesidade e saúde

A PRAZA DA MARIETA ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN SOBRE NUTRICIÓN, OBESIDADE
E SAÚDE

O espazo antes ocupado por unha mostra que animaba ao un consumo responsable é o mesmo no que agora se atopa outra sobre nutrición, obesidade e saúde, tamén organizada pola Concellería de Medio Ambiente.

A antiga oficina de Turismo, situada na praza da Marieta, acolle desde esta semana unha exposición na que a través de 12 láminas e os correspondentes comentarios se aborda esta problemática, “unha auténtica praga do século XXI, desde o embarazo ata a adolescencia, pasando pola lactancia e as etapas de preescolar e infantil”, segundo o concelleiro responsable de dita área, Camilo Casal.

Na mostra coméntase a necesidade urxente de evitar que un de cada tres nenos/as teña sobrepeso ou sexa obeso, coas consecuencias moi negativas que terá cando sexa adulto, tales como diabetes, trastornos cardiovasculares, hipertensión arterial, entre outras posibles doenzas. Faise tamén fincapé en como evitar os malos hábitos, nas técnicas culinarias e as racións de cada alimento recomendables para as distintas idades.

Dado o interese que a mostra ten para o conxunto da poboación de Cedeira, desde a Concellería de Medio Ambiente anímase a veciñanza a visitala durante os próximos días. Estará aberta un mes.

O Concello desaconsella botar papel, envases lixeiros e vidro nos contedores de cor verde

O CONCELLO DESACONSELLA BOTAR PAPEL, ENVASES LIXEIROS E VIDRO NOS
CONTEDORES DE COR VERDE

O Concello de Cedeira, a través da área de Medio Ambiente, volve demandar a colaboración cidadá para mellorar o servizo de recollida de lixo.

A administración local pedía hai días axuda á cidadanía para depositar correctamente papeis e cartóns e evitar a saturación dos colectores de cor amarelo, e agora recorda as normas que existen con respecto ao uso dos verdes. Son recipientes destinados “a recibir os residuos orgánicos así como á chamada ‘fracción resto’ que abarca todos os que non se poden depositar nos de papel/cartón (azul), de envases lixeiros (amarelo) e de vidro”, aclara o Concello. Tamén se recorda que non van ao contedor verde os voluminosos, perigosos ou farmacéuticos.

Os responsables municipais lembran así mesmo que o servizo de recollida de lixo está a funcionar todos os días agás os domingos e festivos e reiteran que existe a obriga de pechar hermeticamente as bolsas antes de botalas nos contedores, un xesto que nunca se poderá levar a cabo nas vésperas de domingos e festivos pero si no serán do resto dos días. Quérese así evitar que os colectores se enchan prematuramente ou despidan cheiro que poida molestar aos veciños/as que viven nas proximidades dos mesmos. O Concello tamén aconsella procurar que nas bolsas non vaian líquidos para tratar de reducir a posibilidade de que acaben espallándose e manchando os interiores dos colectores.

O equipo de goberno reitera a necesidade de colaborar Concello e veciñanza para tratar de mellorar o funcionamento dos servizos públicos e o seu compromiso de limpar con máis frecuencia os contedores, especialmente durante os meses de verán.

Os concellos do Ortegal póñense mans á obra coa candidatura do xeoparque

OS CONCELLOS DO ORTEGAL PÓÑENSE MANS Á OBRA COA CANDIDATURA DO XEOPARQUE

O Concello de Moeche acolleu na tardiña deste martes a xuntanza dos sete municipios comprometidos co proxecto do Xeoparque do complexo do Cabo Ortegal. Ademais da alcaldesa de Moeche, no encontro de traballo estiveron presentes os rexedores de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, quen puxeron enriba da mesa os pasos que se deben dar a partir de agora para preparar a candidatura que, previsiblemente, se presentará o ano que vén. A primeira actuación será a execución do Plan director onde se recollan os principais obxectivos e liñas e acción que permitan obter o distintivo outorgado pola UNESCO. Porén, na xuntanza tamén se falou do deseño dunha imaxe que identifique a iniciativa e da necesidade de implicar no proxecto ao tecido social dos sete concellos.

O encontro municipal é o primeiro que se celebra tralo acordo adoptado a semana pasada pola Deputación da Coruña para implicarse na posta en marcha do xeoparque. O organismo provincial suscribirá en breve un convenio cos concellos de cara a crear un ente virtual que auspicie o traballo de preparación da candidatura e, principalmente, as actuacións sobre o territorio que a avalen perante a UNESCO. O acordo, cunha vixencia inicial de 4 anos, prevé un investimento total de 500.000 euros.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, indicou ao remate da xuntanza que o primeiro paso que se vai dar é, precisamente, o da sinatura do convenio coa Deputación e a definición de como se vai materializar na práctica esa cooperación. A tarefa máis urxente é “acordar o Plan director, que é o que nos vai marcar os pasos que imos dar no ano previo á presentación da candidatura, que agardamos presentar o ano que vén”. Outros compromisos alcanzados na reunión foron o de “crear unha imaxe que identifique ben o xeoparque” e o de “integrar e implicar a todo o movemento asociativo e o conxunto da sociedade polo que supón de impulso ao desenvolvemento local, xa que isto non só é cultura senón tamén economía”.

A parte da identificación da riqueza xeolóxica da zona e a súa singulariedade está moi avanzada gracias ao traballo da Asociación de Amigos do Xeoparque do Cabo Ortegal e dun dos seus integrantes, o xeólogo Francisco Canosa. A área abrangue 630 Km² de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño (As Somozas desmarcouse desde o comezo do proxecto), onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e 5 sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. A nosa zona conta con praias de area vermella, raras praias de area negra non como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciais, e rochas que habitualmente están a máis de 70 kilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Porén, un xeoparque non é só xeoloxía, senón que esa herdanza natural debe estar vinculada -e así o esixe a propia UNESCO- con outros aspectos, como o desenvolvemento económico sostible, a cultura e o patrimonio. Neste sentido, os xeoparques buscan ser motor para un “turismo de calidade e con certo poder adquisitivo” e para outras iniciativas de promoción local que poidan beneficiarse deste recoñecemento internacional. No mundo existen actualmente 119 xeoparques e en Europa 63, dos que 11 están en España trala recente incorporación da zona leonesa de Las Loras. Segundo a portavoz dos municipios, a experiencia demostra que os xeoparques que xa funcionan noutros lugares “están creando riqueza, crearon postos de traballo e supoñen investimentos”.

Desde os concellos implicados no proxecto insístese, unha vez máis, en que o selo de Xeoparque Mundial da UNESCO é un recoñecemento simbólico que non implica ningún tipo de restrición sobre actividades económicas ou usos do chan. “Un xeoparque non ten ningún tipo de limitacións nin de proteccións especiais, o único que fai é utilizar uns valores xeolóxicos que xa temos de toda a vida para poñelos en valor e aproveitar ese valor para potenciar toda a zona no plano produtivo, no plano cultural, no plano histórico. Non é un parque natural, non é unha Rede natura, non é un lugar para conservar nunha urna onde non poidas facer nada, vaise poder seguir plantando, vaise poder seguir vivindo e facendo todo conforme á normativa urbanística e forestal que haxa na comunidade e nos propios concellos. Non afecta en absoluto. Quen diga iso é porque ten algún interese en que non haxa xeoparque”, comenta Beatriz Bascoy.

Fonte: Concello de San Sadurniño

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Os concellos do Ortegal póñense mans á obra coa candidatura do xeoparque