Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

CEDEIRA ACOLLE UN CURSO DE FORMACIÓN EN AGRICULTURA ECOLÓXICA DIRIXIDO AO SECTOR AGROGANDEIRO

O Concello de Cedeira colabora coa Consellería de Medio Rural na promoción de varios cursos dirixidos a mellorar a capacitación e as competencias no sector agrogandeiro da zona. Hoxe comeza o primeiro deles, organizado pola Axencia Galega de Competencia Alimentaria (Agacal) a través da Oficina Agraria Comarcal e centrado na agricultura ecolóxica. Un total de 18 persoas están inscritas neste programa formativo, que se vai desenvolver na sala de usos múltiples do Polideportivo de Cedeira todos os venres ata o vindeiro 3 de novembro, en horario de 16.00 a 20.00h.

Durante estas sesións exporanse, entre outros, os principios básicos da agricultura ecolóxica, os cultivos máis habituais, as pragas e enfermidades máis comúns, así como os posibles sistemas para combatilas e tratalas e a fertilización da terra. Todo isto no marco dunha agricultura sostible e equilibrada. O curso desenvolverase de maneira práctica e no programa está prevista unha visita a unha explotación de horta ecolóxica.

Por outra banda, o Concello informa de que proximamente haberá outro curso de realización de trámites na sede electrónica para explotacións agrarias.

Estas accións formativas están financiadas ao100% con Fondos FEADER (Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural).

O CONCELLO DE CEDEIRA DISTRIBÚE ESTES DÍAS UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN INFORMATIVO AS7PARROQUIAS

O Concello de Cedeira ten xa colgado na súa web e está a distribuír polas entidades veciñais e sociais do municipio un novo número do boletín informativo As7Parroquias, ferramenta de transparencia que traslada á cidadanía o traballo do goberno local. Nesta edición, que fai a número 24, faise balance das festas e eventos lúdicos e deportivos de este verán e repásanse, como é habitual, as obras en curso ou recentemente executadas. A consecución do título de Xeoparque Cabo Ortegal ocupa tamén un espazo destacado, subliñando o vieiro de oportunidades que representa entrar neste importante club da Unesco de lugares xeoloxicamente únicos.

A publicación fai un percorrido polos eventos deste verán, desde as verbenas e demais actos das Festas da Patroa ata a Festa do Percebe e os encontros culturais e deportivos máis destacados, citas que tiveron en común sempre unha alta participación e o bo ambiente. Dase conta tamén no boletín da nova distribución de responsabilidades e a composición das comisións dentro do goberno local, despois do acordo que acadaron o PSOE e o BNG no mes de xullo.

A visita ás obras que a Deputación está a acometer na zona do Rego de Tide para mellorar o trazado da estrada provincial que vai a San Andrés, así como a aprobación do Plan Contra Incendios Forestais de Cedeira están tamén neste novo número de As7Parroquias. O mesmo que o recoñecemento ao Xeoparque Cabo Ortegal e a recente reunión que mantieron o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro de Patrimonio, José Antonio Rodríguez, coa directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, para tratar os próximos pasos a dar na escavación arqueolóxica do Sarridal.

No capítulo de obras, As7Parroquias repasa proxectos xa executados ou a piques de rematar, como son a ampliación do saneamento das Pontigas, a senda peonil do camiño de Cordobelas, o arranxo das pistas de pádel ou a renovación da pista multideporte e o marcador do Polideportivo, así como outras que están en proceso de contratación como o cambio das caldeiras da piscina municipal e do ascensor do Auditorio, a ampliación do ximnasio e a colocación de novo céspede artificial no campo do Beco, entre outras. Infórmase tamén da solicitude de fondos, a través de diferentes programas supramunicipais, para acometer outras actuacións, como por exemplo a dixitalización da piscina municipal para que entre nunha rede de instalacións “intelixentes” ou a creación dunha nova zona verde e de lecer na rúa Silva.

A contraportada desde número está adicada ao Cedeira Basket Club, unha entidade que está a traballar polo rexurdimento deste deporte na localidade despois de anos nos que a súa presencia decaera. O éxito do campionato 3×3 que organizou este verán é unha proba do éxito que está a ter a entidade no seu empeño.


VER PDF Boletín as 7 parroquias nº24

TRINTA VIVENDAS PARTICIPAN NA PRESENTE EDICIÓN DO PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE CEDEIRA

Trinta veciños e veciñas pertencentes á zona rural do concello de Cedeira, participan na presente edición do programa de compostaxe doméstica, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Este programa, iniciado na anualidade 2022 -e que deu continuidade a outras iniciativas xa levadas a cabo polo ente municipal- contou con grande acollida entre a veciñanza tal e como desprenden los controles efectuados “porta a porta” por técnicos especialistas na materia. A maioría dos composteiros funcionan de maneira correcta, o que contribúe en boa medida a reducir a materia orgánica presente na bolsa de lixo- e que posteriormente se deposita nos contedores tradicionais-, así como a consecuente redución da emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.