Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O CONCELLO LICITA POR UN ORZAMENTO DE 63.000€ A MELLORA DE MÁIS DE 1,6KM DE CAMIÑOS MUNICIPAIS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou o expediente de contratación das obras de mellora de tres camiños situados no Barral (Esteiro), Casal de María (San Román) e na Ferrería (Montoxo) por un importe total de 63.007,81€ (IVE incluído). A actuación nestes tres viais, cuxo anuncio de licitación está xa publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público, abórdase con cargo á financiación procedente do Plan de Mellora de Camiños Municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Os tres camiños suman unha lonxitude de 1,6km e teñen en común que os seus tratamentos asfálticos presentan xa algúns deterioros e irregularidades. O máis longo é o da Ferrería, na parroquia de Montoxo, que percorre 756 metros e ten un ancho medio de entre 3,20 e 3,50 metros, aínda que conta cun tramo de 79 metros no que o ancho é maior, de 4,50 metros. Neste camiño, que vai da AC-566 á Igrexa de San Xiao de Montoxo, os traballos consistirán na limpeza das gabias, o barrido da superficie e a posta dunha nova capa de asfalto.

A mesma actuación vaise levar adiante no camiño situado no Barral, na parroquia de Esteiro, que dá servizo desde a estrada AC-566. Este vial ten 435 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,20m. Por último, a mesma intervención farase no camiño do Casal de María, en San Román, que percorre 416 metros entre a CP-2202 e a AC-566 e ten un ancho medio de 3,40m.

O prazo de execución das obras será de dous meses e as empresas interesadas teñen ata o 25 agosto de prazo para a presentación das súas ofertas.

“AS7PARROQUIAS” DESTACA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO O INVESTIMENTO DE 2,6M€ DO GOBERNO CENTRAL EN CEDEIRA

O Concello de Cedeira está a distribuír estes días entre a veciñanza unha nova edición do boletín informativo “As7Parroquias”, no que recolle as novidades máis destacadas do traballo municipal dos últimos meses. Así, neste número 18 da publicación destaca a noticia do compromiso acadado polo Ministerio de Transición Ecolóxica de financiar con 2,6 millóns de euros a rexeneración da praia da Madalena e o proxecto de recuperación da antiga cetaria das Sonreiras, así como a modificación de créditos aprobada polo pleno, a través da cal o Concello incorpora máis de medio millón de euros ao capítulo de investimentos deste ano, procedentes de remanentes do pasado 2020.

O novo programa de axudas creado polo Concello de Cedeira para paliar o impacto da covid nas empresas e autónomos da vila, dotado con 70.000 euros, é outra das cuestións das que informa o boletín. “As7Parroquias” tamén dá conta da execución dos orzamentos participativos, coa realización do parque de calistenia e o ciclo de auto-cine, así como da presencia de Cedeira na última edición de Fitur.

O rexeitamento aos proxectos de parques eólicos mariños que proxecta Iberdrola no litoral próximo a Cedeira e tamén ao parque eólico terrestre Badulaque é tamén un tema que aborda o boletín, en cuxas páxinas o Concello informa igualmente da recente contratación de todos os suministros enerxéticos municipais de fontes renovables. A nova ordenanza de protección de camiños municipais e o apoio do Concello á flota pesqueira fronte ao regulamento proposto pola Unión Europea son outros dos temas que aborda a publicación.

A Banda de Música Vila de Cedeira protagoniza desta volta a contraportada do boletín, despois dunha recente renovación na directiva. O relevo xeracional garante o futuro desta formación, con grande arraigamento na localidade e cun espíritu bulideiro que a leva a integrar todo tipo de músicas no seu repertorio.

Pódese descargar o boletín na seguinte ligazón:

DESCARGA Boletín nº 18

INFORME AVALIACIÓN IMPACTO AMBIENTAL DO PROXECTO DO PARQUE EÓLICO BADULAQUE

Para máis información pódese descargar os seguintes documentos:

DESCARGA PDF Anuncio da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia polo que se somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Badulaque de 90 MW e a súa infraestrutura de evacuación na provincia da Coruña.

DESCARGA PDF Informe sobre avaliación de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Badulaque de 90 MWp e a súa infraestrutura de evacuación na provincia da Coruña.

DESCARGA PDF xustificante de rexistro dá solicitude de autorización administrativa previa e petición de informe EIA do proxecto do parque eólico Badulaque e a súa infraestrutura de evacuación.