Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA POR UN ORZAMENTO DE 63.000€ A MELLORA DE MÁIS DE 1,6KM DE CAMIÑOS MUNICIPAIS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou o expediente de contratación das obras de mellora de tres camiños situados no Barral (Esteiro), Casal de María (San Román) e na Ferrería (Montoxo) por un importe total de 63.007,81€ (IVE incluído). A actuación nestes tres viais, cuxo anuncio de licitación está xa publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público, abórdase con cargo á financiación procedente do Plan de Mellora de Camiños Municipais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Os tres camiños suman unha lonxitude de 1,6km e teñen en común que os seus tratamentos asfálticos presentan xa algúns deterioros e irregularidades. O máis longo é o da Ferrería, na parroquia de Montoxo, que percorre 756 metros e ten un ancho medio de entre 3,20 e 3,50 metros, aínda que conta cun tramo de 79 metros no que o ancho é maior, de 4,50 metros. Neste camiño, que vai da AC-566 á Igrexa de San Xiao de Montoxo, os traballos consistirán na limpeza das gabias, o barrido da superficie e a posta dunha nova capa de asfalto.

A mesma actuación vaise levar adiante no camiño situado no Barral, na parroquia de Esteiro, que dá servizo desde a estrada AC-566. Este vial ten 435 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,20m. Por último, a mesma intervención farase no camiño do Casal de María, en San Román, que percorre 416 metros entre a CP-2202 e a AC-566 e ten un ancho medio de 3,40m.

O prazo de execución das obras será de dous meses e as empresas interesadas teñen ata o 25 agosto de prazo para a presentación das súas ofertas.