Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ADAPTA AS FESTAS ÁS CIRCUNSTANCIAS CON ESPECTÁCULOS NA RÚA PARA TODOS OS PÚBLICOS

O Concello de Cedeira propón un ano máis unhas festas patronais adaptadas ás circunstancias, sen aglomeracións, ao aire libre e sen riscos. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, desexou que veciñanza e visitantes poidan manter viva a tradición de xuntarse en familia e co círculo máis próximo e celebrou o éxito da programación en pequeno formato que está a desenvolver durante este verán o Concello e tamén das propostas de entidades e asociacións que, co apoio da administración municipal, están a contar cunha organización impecable –como os festivais de Buxainas e Discalz@s ou a Regata de Traiñeiras-. “E temos que recordar que o orzamento das festas serviu desta volta para axudar a máis dun cento de empresas e autónomos do municipio a paliar as perdas”, dixo Moreda, quen animou a todos e todas a gozar con seguridade dos próximos días.

Desde este sábado ao luns haberá propostas para todos os públicos, comezando coa función que Teatro O Cubo ofrecerá o día 14, ás 19.00 horas, na Praza Floreal. Sofía Espiñeira, Noel Fandiño e Roberto Casal protagonizan este espectáculo áxil, participativo e cheo de humor que ten triunfado xa en localidades de toda Galicia. Pequenos e maiores divertiranse con esta proposta, cuxa estética recorda aos antigos circos ambulantes.

Tamén o sábado 14, ás 20.30 horas na Praza Roxa, celebrarase o concerto de Adhara&Ritman. A formación da cantante Adhara Caamaño e o compositor Tito Barbeito chega a Cedeira coa súa proposta musical de raíces folk, na que adoitan adaptar cancións populares galegas a ritmos como o reggae.

A Banda de Música Vila de Cedeira encargarase de animar a mañá do domingo, día 15, cun concerto na Praza Roxa a partir das 14.00 horas. Xa pola tarde, ás 20.00 horas na Praza Floreal, haberá unha actuación do grupo de acróbatas Maintomano. O seu espectáculo, titulado “Sen medo”, fai referencia á idea de superar o reto, vencer os temores.

A mesma Praza Floreal acollerá o luns, ás 20.00 horas, o espectáculo “Baldín Badá” da compañía Shakti Olaizola. O público verá contorsións, acrobacias, danza e teatro nunha montaxe que fala dos disparates e toleadas dunha pintora e un músico.

Por outra banda, cómpre recordar que está aberta ata o domingo no Palacete Municipal a exposición de Jane Danko, a artista estadounidense afincada na vila. A mostra pode verse en horario de17.00 a 20.30 horas de luns a venres, así como os sábados de 17.00 a 20.00 horas e os domingos, de 11.30 a 14.00 horas.