Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O CONCELLO SEGUE A IMPULSAR A COMPOSTAXE DOMÉSTICA CUN NOVO REPARTO GRATUÍTO DE COMPOSTEIROS

Cedeira continúa co seu programa de impulso á compostaxe doméstica abrindo un novo prazo de solicitude para a entrega gratuíta de composteiros. Así, o Concello suministrará de xeito gratuíto 30 composteiros, e tamén aireadores e caldeiros para biorresiduos a outras tantas familias interesadas en valorizar in situ a materia orgánica dos seus refugallos e convertila en compost de calidade.

A veciñanza que o desexe pode informarse e/ ou solicitar participar neste programa de compostaxe, acudindo ás xornadas de sensibilización e información que terán lugar os vindeiros 10 e 11 de novembro nos locais das asociacións veciñais de Cervo, Esteiro, Montoxo e San Román.

A campaña estará o día 10 no local social de Montoxo, de 10.00 a 13.00 horas, e no de Cervo, de 15.00 a 18.00 horas. E ao día seguinte, o 11, visitará o de San Román, de 10.00 a 13.00 horas, e o de Esteiro, de 15.00 a 18.00 horas.

Tamén é posible presentar o modelo de solicitude de xeito presencial, no rexistro municipal, ou ben a través da sede electrónica.

DESCARGA MODELOS SOLICITUDE

Nos últimos anos, o Concello de Cedeira ten repartido entre a veciñanza máis de douscentos composteiros.

A OFERTA TURÍSTICA LOCAL XA CONTA CON DÚAS NOVAS RUTAS LITORAIS PARA VIVIR A CULTURA MARIÑEIRA

Durante os pasados meses leváronse a cabo os traballos para a recollida de datos e información para a xeración das rutas mariñeiras. Por unha parte, analizouse a oferta turística dispoñible para detectar posibles carencias ou reclamos por parte de locais e visitantes. Posteriormente, realizouse un estudo do territorio co fin de recoñecer zonas potenciais para desenvolver as rutas, examinar a súa accesibilidade e revisar o seu estado. De xeito simultáneo, fixéronse entrevistas a axentes locais para coñecer mellor a realidade do seu territorio, entender a relevancia das súas profesións e poder transmitir os seus coñecementos nas rutas.

Ademais destas entrevistas, xurdiron os protagonistas para as videotestemuñas que acompañan as rutas. O resultado destas actividades de documentación e tratamento da información son dúas rutas circulares accesibles tanto a pé como en BTT nas que vivir de preto a tradición das profesións do mar. Por unha parte, unha ruta urbana de baixa dificultade na que observar de preto os oficios mariñeiros e os enclaves da vila asociados a eles, así como os espazos que marcaron a súa historia. Por outra parte, unha ruta polos altos da serra Capelada con dúas alternativas para executala: unha versión cun percorrido máis curto e outra máis estendida para aquelas persoas con ganas de descubrir máis lugares do litoral. A través desta ruta pódese gozar das espectaculares paisaxes que conforman os lugares de traballo das xentes do mar. Ambas rutas teñen recollido o seu track no perfil de Wikiloc municipal onde se atopa toda a información necesaria para a súa realización.

Todos os contidos xerados para estas rutas mariñeiras están dispoñibles na web de turismo do concello. Aquí pódense consultar os percorridos das rutas e os seus perfiles en wikiloc con información sobre os puntos do percorrido; aprender máis sobre os tres recursos máis destacados en cada ruta a través dos audios dispoñibles en galego, español ou inglés; ver as fotografías dos enclaves que se visitarán no itinerario; descubrir as profesións mariñeiras visualizando os vídeos co testemuño das redeiras e os percebelleiros da vila ou obter un resumo visual rápido das rutas descargando o díptico dispoñible con toda a información necesaria para empezar a camiñar ou pedalear. O díptico estará dispoñible tamén en formato impreso nos puntos de interese turístico.

As actividades do proxecto “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA” foron posibles grazas á xestión do Concello de Cedeira e ao apoio económico do GALP A Mariña – Ortegal e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

O CONCELLO DISTRIBUE ENTRE A CIDADANÍA UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN INFORMATIVO AS7PARROQUIAS

O goberno local de Cedeira reparte estes días entre a veciñanza o boletín informativo As7Parroquias, que chega ao seu número 22. A publicación dá conta do traballo do Concello nos últimos meses, destacando o balance da campaña de turismo deste verán. A revalorización do atractivo da vila para as persoas que a visitan grazas entre outras cousas á recuperación das cetarias do Sarridal, a posta en marcha da vía ferrata, ou a reapertura do Castelo da Concepción, xunto coa alta afluencia que tiveron as festas e o resto das actividades confirmaron unha volta á normalidade de antes da pandemia.

No boletín infórmase do balance dos proxectos acollidos ao programa do GALP A MariñaOrtegal na localidade. Foron máis de 800.000 euros investidos en diferentes iniciativas dirixidas a poñer en valor a economía e a cultura ligadas á pesca e o marisqueo en Cedeira. A localidade distinguiuse no último plan de actuación plurianual do GALP como unha das máis dinámicas no desenvolvemento de accións e o Concello participa xa na definición do novo plan que estará vixente ata o 2027.

As7Parroquias dá conta tamén do avance nas escavacións no xacemento do Sarridal, da adxudicación de axudas ao tecido asociativo no eido deportivo e no sociocultural, da licitación da ambiciosa renovación do pavimento do polideportivo municipal e, entre outras cousas, a compra de libros para a escola infantil da Galiña Azul. O boletín trata tamén sobre o recorte de profesorado no IES Punta Candieira e do rexeitamento que esta medida xerou entre a cidadanía e no Concello, así como do ninguneo da Consellería de Educación á petición dunha entrevista urxente que foi unanimemente solicitada pola corporación municipal.

A contraportada do boletín está adicada á Escola de Música Vila de Cedeira, que cumpre dez anos con gran vitalidade.

Pódese descargar o Boletín na seguinte ligazón:

VER PDF Boletín as 7 parroquias nº22