Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

Cedeira construirá novos vestiarios no campo de fútbol para favorecer a igualdade de xénero

O Concello de Cedeira leva o tema da igualdade de xénero ás instalacións deportivas. O goberno municipal vén de contratar por 59.502,33 euros á empresa Mecano, Obras y Reparaciones SL para a construción de novos vestiarios no campo de fútbol municipal do Beco. A obra virá completar a edificación existente fronte aos terreos de xogo, respectando a tipoloxía, alturas e mesmo as súas características estéticas.

O prazo de execución da obra é de dous meses e a realización da mesma obedece a necesidade de adecuar as instalacións á incorporación da muller á práctica regular do fútbol. A realidade, segundo apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil, “é que a presenza feminina é cada vez maior en todas as categorías”. A vila conta ademais cun equipo, Discalzas Cedeira SD, que está a competir na liga Feminina de Fútbol 8.

A idea é permitir o uso diario dos dous campos de fútbol oito e suplir as carencias que había con respecto á ultilización dos vestiarios por parte das xogadoras.

O proxecto consiste na construción de dous vestiarios, cunha superficie útil de 82 metros cadrados cada un deles e con capacidade para un mínimo de 15 usuarios á vez. Haberá zona de entrada, espazos para as duchas -unha para cada tres persoas-, cabinas accesibles, bancos, aseos, lavabos e taquillas con chave.

A realización deste proxecto forma parte das actuacións levadas a cabo desde o goberno municipal para mellorar as instalacións deportivas, por considerar que tamén así se está a promocionar o deporte. Esta política deu lugar hai pouco á compra de bicicletas verticais e de spinning para o ximansio, a obras de mantenimiento e mellora do sistema de auga quente no pavillón polideportivo, á erradicación de humidades e á substitución dos bancos soterrados utilizados por adestradores e xogadores suplentes no campo de fútbol de O Beco. O investimento rondou os 40.000 euros.

O Concello amplía o prazo para a xustificación de subvencións deportivas e culturais

O Concello de Cedeira aprobou a ampliación do prazo de xustificación das subvencións obxecto das convocatorias para investimentos e actividades das áreas socio-cultural e de deportes publicadas no BOP 168 de 4 de setembro, de xeito que a data límite se prorroga ata o 17 de decembro de 2018.

O prazo de execución das actividades susceptibles de subvención se mantén no día 30 de novembro de 2018.

Na seguinte ligazón pode consultar a resolución aprobada para a apliación do prazo:

IR Á LIGAZÓN Resolución de avocación de competencia e aprobación ampliación plazos para xustificación subvencións da área sociocultural para investimentos e actividades 2018 a entidades e asociacións de ámbito municipal e para actividades e inversións de clubs e entidades deportivas 2018

Cedeira conmemorará este domingo o 25-N cunha concentración diante do Concello

O goberno de Cedeira conmemora o 25 de novembro ese mesmo día -o domingo- cunha concentración na praza do Concello, coa lectura dun manifesto e con actuacións musicais a cargo de Iría e Dopazo.

Ademais xa foron colgadas pancartas dos edificios municipais -Concello, Palacete, Polideportivo e Servizos Sociais- e distribuironse carteis cos lemas “Cedeira en Negro”, “Non abuses”, “Non Violes” en negocios, comercios e locais de hostalería. As persoas que o desexen tamén poderán vestir de loito en sinal de dor por todas as mulleres mortas e polas que están a sofrer violencia.

O executivo local invita á veciñanza a secundar unha iniciativa que dará comezo ás doce do mediodía e na que tamén tomarán parte representantes da corporación.

O Concello tamén colabora co Club de Remo da localidade na celebración dun “adestramento contra a violencia de xénero” que terá lugar mañá sábado e que incluirá un minutos de silencio con remos en alto en homenaxe ás vítimas e un percorrido marítimo polo conxunto das embarcacións participantes. A actividade dará comezo ás 16.30 horas e terá o seu punto de partida fronte O Ramón.

O Concello de Cedeira participa, xunto a outras 101 administracións locais e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, na campaña “En Negro contra as Violencias” co obxectivo de sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres e para poñer nas axendas a agresividade machista como un problema público e que afecta a toda a cidadanía.

Desde o ano 2008, as cifras oficiais rexistran 619 asasinatos machistas no conxunto do Estado e 43 en Galicia e, no que vai de ano, a violencia contra as mulleres acabou coa vida de 10 menores.

[lsvr_gallery images=”14470,14471″ items_per_row=”2″ size=”full” masonry=”yes” click_action=”lightbox”]