Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

Cedeira inviste case 40.000 euros en proxectos de mellora e mantenemento do pavillón e o campo de fútbol

CEDEIRA INVISTE CASE 40.000 EUROS EN PROXECTOS DE MELLORA E DE MANTEMENTO DO PAVILLÓN E O CAMPO DE FÚTBOL

O goberno de Cedeira vén de investir case 40.000 euros (39.784,14 euros) na realización de obras de mellora nas instalacións deportivas de propiedade municipal.

Esta política deu lugar á compra de material e a realización de algunhas reformas no pavillón polideportivo, así como a erradicación de humidades nas bancadas e na substitución dos bancos soterrados utilizados por adestradores e xogadores suplentes no campo de fútbol do Beco.

As obras levadas a cabo no pavillón consistiron na substitución das billas das duchas e dos lavabos dos vestiarios e na instalación de novas válvulas para regular o sistema da auga quente da piscina municipal, traballos acometidos polas empresas Carlos Yáñez Nebril e Instalaciones e Mantenimento Cedeira SL, respectivamente. Tamén se renovou a tapizaría das máquinas do ximnasio, obra realizada por David Areas López, e foron adquiridas un total de cinco bicicletas verticais e seis de spinning co fin de incrementar o número de usuarios.

En canto ás melloras realizadas no campo de fútbol do Beco consistiron na eliminación dos problemas de humidades que estaban a afectar ás gradas, obra que foi contratada a empresa de Ángel Grandal Calvo, e na substitución dos bancos soterrados por outros ao mesmo nivel do terreo de xogo. Esta última obra foi executada pola empresa Kaizen Management SL e o proxecto deu lugar á demolición dos antigos bancos, o recheo da base de formigón do oco que deixaron as antigas estruturas -situadas a metro e medio da liña de banda do campo de fútbol-, e a colocación de soportes metálicos para a posterior instalación dos que xa están a funcionar.

O equipo sénior de bádminton representará a Cedeira no Campionato Europeo que comeza o luns en Guadalajara

O EQUIPO SÉNIOR DE BÁDMINTON REPRESENTARÁ A CEDEIRA NO CAMPIONATO EUROPEO QUE COMEZA O LUNS EN GUADALAJARA

A localidade de Guadalajara acollerá a partir do próximo luns e ata o domingo día 30 o Campionato de Europa Sénior de Bádminton, unha convocatoria na que Cedeira estará representada polo equipo local.

O conxunto cedeirense está integrado por Hilda Martínez, Josefa Pérez, Dolores López, Juan Antonio Rodríguez, Santiago Freire e Manuel Suárez, un cadro formado por seis xogadores de ampla experiencia dentro do mundo da competición como veñen de acreditar coa súa participación no último campionato de España desta modalidade deportiva.

Nesta ocasión, os xogadores lucirán o escudo da vila cedeirense na camiseta oficial e desde o goberno municipal se lles está a desexar moita sorte e os mellores resultados posibles na competición, na que tomarán parte máis de 1.500 xogadores de 40 delegacións distintas. O equipo local emprenderá o domingo a viaxe á terras manchegas.

O programa das xeorutas incrementou un 17% o número de participantes

O PROGRAMA DAS XEORUTAS INCREMENTOU UN 17% O NÚMERO DE PARTICIPANTES

O programa de Xeorutas volve deixar un bo sabor de boca cun incremento dun 17% de participación con respecto á campaña de 2017 e cunha moi alta valoración por parte das persoas que tomaron parte nesta iniciativa de turismo alternativo. O número de participantes ascendeu a 541, fronte aos 464 do ano anterior. Por procedencia, a máis numerosa foi o galega, cun 38%, seguida dos residentes na comarca, que representaron un 36% do total. Desta estatística tamén se desprende que os visitantes doutras comunidades autonómicas foron un 24% e que os turistas extranxeiros representaron un 2%. Países como Francia, Suiza e Estados Unidos foron a orixe do maior número de viaxeiros.

Nunha comparativa con respecto á tempada 2017 cabe destacar un incremento dun 36% do turismo de dentro da comunidade autónoma, así como un descenso dun 7% do que se refire á comarca e un 20% do resto do Estado. Estas baixadas xustifícanse en base aos malos datos turísticos que, a nivel xeral, deixou o pasado mes de xullo.

Os responsables do proxecto destacan a súa consolidación, así como a importancia do mesmo cara á posta en marcha do Xeoparque do Cabo Ortegal. Neste sentido, se ademais de contabilizar as 541 persoas que tomaron parte nas xeorutas promovidas desde Cedeira se teñen en conta as levadas a cabo polos concellos de Cariño, Valdoviño, Moeche e Ortigueira – tamén implicados en dito obxectivo- as saídas xeolóxicas guiadas ascende no seu conxunto a 783 visitantes.

No caso de Cedeira, a tempada de verán das Xeorutas estivo operativa entre os días 1 de xullo e 12 de setembro. Ás rutas xa consolidadas do Cromo, Os Cantís, Praias Negras e Granate este ano foi engadida a denominada Litoral, unha das que despertou un maior interés por parte do turismo nacional, mentres que o turismo galego decantouse polas do Cromo e Praias Negras e o da comarca por esta última e máis a do Granate.