Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

Nace en Cedeira o Club Cedeira Basket Street

NACE EN CEDEIRA O CLUB CEDEIRA BASKET STREET

Xurde en Cedeira o club Cedeira Basket Street, unha iniciativa coa que Isaac Taracido Mariña, como presidente da entidade, quere facer do baloncesto, ao igual que xa ocorre co bádminton, o remo ou a natación, unha disciplina de referencia do deporte cedeirense.

A presentación oficial do club terá lugar o próximo mércores (día 12), ás 19.30 horas, con motivo da celebración dun partido amistoso entre o Baxi Ferrol (antigo Universitario) e o Club Polideportivo Bembibre. A asistencia é gratuíta.

Ademais a entidade traballa para darse a coñecer noutros ámbitos. E así o está a facer, cunha nota enviada a través da Anpa Picapeixe do colexio Nicolás del Río, na que se informa aos pais e nais de que o baloncesto se incorporará ao programa de actividades extraescolares. Trátase dunha iniciativa pensada para nenos e nenas con idades comprendidas entre os catro e seis anos. A intención do club é comezar a impartir a actividade a partir do próximo mes de outubro. Os interesados xa poden anotarse no CEIP.

Tamén por esas datas está prevista a posta en funcionamento da escola de baloncesto, aberta á participación de todas as persoas que desexen tomar contacto con esta disciplina deportiva, sexa cal sexa a súa idade. O polideportivo municipal acollerá esta iniciativa e tamén será a referencia para os veciños que desexen apuntarse.

Isaac Taracido Mariña considera probable que o equipo xuvenil agora en formación, no que están a participar rapaces con idades entre 14 e 18 anos, poida incorporarse á competición oficial a partir da tempada 2019-2020 cunhas camisetas nas que predominarán as cores azul e amarela.

Hai máis de oito anos que o baloncesto deixou de estar presente na vida deportiva de Cedeira, na que estivera desde o ano 1990 da man do CBC (Club Baloncesto Cedeira), polo que desde o goberno municipal se está a aplaudir a iniciativa e se está a brindar a súa total colaboración ás persoas que tratan de levala a cabo.

O bádminton local xa está a preparar o campionato europeo sénior de final de mes

O BÁDMINTON LOCAL XA ESTÁ A PREPARAR O CAMPIONATO EUROPEO SÉNIOR DE FINAL DE MES

Un total de seis xogadores do club Bádminton Cedeira tomaron parte a pasada fin de semana na concentración que, organizada pola Federación Galega de Bádminton, tivo lugar na Estrada cara á preparación do Europeo Sénior que se celebrará dos días 24 ao 30 de setembro en Guadalajara.

Asistiron Juan Antonio Rodríguez, Santiago Freire, Dolores López, Josefa Pérez, Hilda Martínez e Manuel Suárez. Todos eles foron selecionados pola Federación Española de Bádminton por ranking nacional. Os integrantes do club cedeirense tomaron parte nas seguintes modalidades e probas:

Juan Antonio Rodríguez e Santiago Freire en DM+60
Juan Antonio Rodríguez e Dolores López en DX+60
Santiago Freire e Josefa Pérez en DX+55
Josefa Pérez e Hilda Martínez en DF+55
Manuel Suárez con Hilda Martínez en DX+55
Dolores López en IF+60
Hilda Martínez en IF+55
Manuel Suárez en IM+60
Manuel Suárez en DM+60,
Dolores López en DF+50

Á concentración asistiron un total de 35 xogadores de toda España. Así, ademais do equipo local, tamén se deron cita no pavillón Coro Ferreiro da Estrada os clubs do Mar, Gijón, Universidad Laboral de Ourense, CER Vigo, Athlos Ourense, Ravachol de Pontevedra, Geria de Castilla León, Troula e o da Coruña.

O Concello agradece o pulo de entidades e veciñanza para o éxito do deporte local

O CONCELLO AGRADECE O PULO DE ENTIDADES E VECIÑANZA PARA O ÉXITO DO DEPORTE LOCAL

O goberno de Cedeira agradece ás entidades deportivas e aos veciños en xeral a súa contribución para os éxitos que o deporte local está a conseguir, tal e como así quedou demostrado nos últimos días coa celebración dun torneo de fútbol praia e da III Bandeira Concello de Cedeira de Traiñeiras. Nesta última, o Club de Remo Cabo da Cruz quedou gañador e os remeiros cedeirenses foron segundos empuxados polo numeroso público que desde as primeiras horas do pasado domingo seguiu a competición desde a zona portuaria.

Tamén foron milleiros de persoas, segundo dixeron os convocantes do torneo de fútbol praia -Manuel Martínez e Alfonso Picos- as que presenciaron os partidos que ao longo da semana pasada reuniron a un total de 31 equipos das categorías Sub-15, Sub-12 e Sub- 9 e outros 26 de xogadores séniors no areal urbano da Madalena. Só en participantes, aproximáronse aos cincocentos.

Os equipos gañadores foron “Todo corazón”, na categoría Sub-15; “Aldebarán”, Sub-12, e “Neones”, Sub-9. Os xogadores da formación local Jos-Car proclamáronse campións da categoría sénior.

O executivo local considera que tanto a resposta da xente á hora de presenciar competicións deportivas como os recoñecementos que o deporte local está a reunir en distintas disciplinas e niveis confirman o seu bo estado de saúde. Neste sentido, o alcalde, Pablo Moreda Gil, que reiterou o compromiso do seu equipo en apoiar calquera modalidade deportiva, apuntou que “o deporte cedeirense é un deporte vivo”.