Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

Isidoro Hornillos, invitado na XVIII Gala do Deporte de Cedeira que será mañá no Pavillón

ISIDORO HORNILLOS, INVITADO NA XVIII GALA DO DEPORTE DE CEDEIRA QUE SERÁ MAÑÁ NO PAVILLÓN

Á presenza de Vicente del Bosque e do remeiro Joaquín Montero Gómez nas dúas últimas citas da Gala do Deporte de Cedeira haberá que engadir a de Isidoro Hornillos na xornada de mañá venres. O actual presidente da Federación Galega de Atletismo e ex atleta olímpico asistirá pola tarde, a partir das 20.30 horas, á que fai a edición número XVIII da gala no pavillón municipal.

Isidoro Hornillos destacou en probas de velocidade e de maneira máis especial na dos 400 metros, na que obtivo os seus maiores éxitos deportivos. Hornillos formou parte así mesmo da selección española de atletismo, conseguindo diversos títulos de campión de España e varias plusmarcas nacionais absolutas. Na actualidade tamén está ao fronte da Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) e desde o ano 1990 é profesor universitario na Facultade de Ciencias do Deporte e de Educación Física da UDC, unhas actividades que tamén compaxina coa súa faceta de escritor.

O alcalde, Pablo Mareda Gil, destacou a importancia de contar cunha das grandes figuras do atletismo para dignificar aqueles deportes, tal vez menos coñecidos que o fútbol, pero relevantes tanto por tratarse de disciplinas “moi sacrificadas” como polos moitos logros e alegrías que supoñen para o deporte español. Moreda Gil volorou así mesmo o traballo que desde a Federación Galega se fai cara ao deporte local e reiterou o compromiso do goberno municipal co atletismo.

Cedeira acollerá este domingo unha andaina solidaria a prol da Asociación Española contra el Cáncer

CEDEIRA ACOLLERÁ ESTE DOMINGO UNHA ANDAINA SOLIDARIA A PROL DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA EL CÁNCER

O Concello de Cedeira colabora coa Asociación Española contra el Cáncer (AECC) na organización da Andaina Solidaria prevista para a xornada do próximo domingo. O goberno municipal invita á veciñanza a participar activamente nunha convocatoria que ademais de ter unha fin social tamén sirve de promoción do deporte como hábito saúdable.

As persoas que poidan estar interesadas teñen a posibilidade de apuntarse na páxina evedeportnorte.com, sempre que sexa antes das 23.59 horas do día18; na Oficina de Turismo e xoguetería Rosa, ata o sábado, e a partir das 9.30 do domingo 21 na mesma liña de saída. O prezo da inscrición é de 5 euros. Tanto o importe íntegro da recadación como o diñeiro procedente da venda de camisetas (5 euros) e chuvasqueiros (10 euros), entre outros obxectos, ingresarase nos fondos da AECC para contribuír á investigación e axudar aos enfermos e as súas familias.

O punto de partida será a praza Roxa e as 11.00 horas o momento do inicio dunha proba na que os participantes terán que percorrer unha distancia de case cinco quilómetros, arredor de 4.600 metros.

O itinerario descorrerá polo paseo marítimo, a zona do Beco, a barriada da Area, a Xunqueira, o paseo fluvial e o malecón. Previo ao inicio da andaina haberá unha sesión de zumba, que estará a cargo do grupo de Fanni Barge, mentres que o seu comezo estará marcado pola música da Batukada Discalz@s. A organización tamén conta coa colaboración do club ciclista local, xa que algúns dos seus socios poñeranse tanto ao inicio como ao final do grupo de participantes. Teresa Beceiro está á fronte da xunta local de Cedeira da Asociación Española contra el Cáncer.

Os proxectores do pavillón xa están a iluminar as instalacións deportivas do CEIP Nicolás del Río

OS PROXECTORES DO PAVILLÓN XA ESTÁN A ILUMINAR AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO

O Concello de Cedeira vén de dar novo uso aos 12 proxectores LED que no seu día foron retirados do pavillón municipal. Son os que esta semana xa están a iluminar o polideportivo do CEIP Nicolás del Río.

O proxecto tivo un custo cero para as arcas municipais, ademais de representar un gran avance en canto ao aforro e eficiencia enerxética. Os proxectores agora colocados nas instalacións deportivas do colexio cedeirense fixeron posible a retirada de outros de 400W e de vapor de mercurio, máis contaminantes e menos rentables desde o punto de vista do consumo enerxético. A potencia dos actuais é de 110W.

Esta actuación deu lugar así mesmo á substitución das 16 lámpadas situadas ao longo do corredor central do centro educativo por outras de 20W de tipo Led, unha actuación que tamén se valora polo seu compoñente decorativo.

Desde o inicio do presente mandato, o goberno de Cedeira está a manter unha habitual liña de colaboración coa dirección do Nicolás del Río para atender as necesidades que poidan ir xurdindo ao longo do curso escolar.