Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

A compañía Boabab Teatro abrirá este sábado o ciclo de teatro familiar coa obra “Luppo”

A COMPAÑÍA BOABAB TEATRO ABRIRÁ ESTE SÁBADO O CICLO DE TEATRO FAMILIAR COA OBRA “LUPPO”

O auditorio municipal de Cedeira abrirá este sábado, día 12, as súas portas a unha nova edición do ciclo de Teatro Familiar. A programación arrinca coa posta en escena da obra “Luppo” a cargo da compañía Baobab Teatro. A función dará comezo ás 18.00 horas.

Trátase dun espectáculo no que se fala do ciclo da vida, do apego ás persoas máis próximas e da importancia das historias que cada un constrúe ao longo da súa vida. A obra está pensada para nenos e nenas maiores de catro anos e adultos e a súa duración é de 50 minutos.

A programación terá continuidade o día 9 de febreiro, coa obra “Retrete Cabarete”, e o día 16 de marzo coa “Güela Güela”.

A Consellería do Mar comprométese a iniciar os trámites cara á construcción da fábrica de xeo para o porto

A CONSELLERÍA DO MAR COMPROMÉTESE A INICIAR OS TRÁMITES CARA Á CONSTRUCIÓN DA FÁBRICA DE XEO PARA O PORTO

O goberno local e a Confraría de Cedeira arrincaron da Consellería do Mar un primeiro compromiso para comezar a tramitar a construción da fábrica de xeo, unha demanda que se vén reclamando desde hai tempo pola escasa eficiencia da actual para abastecer a frota local de baixura -formada por un 15 barcos- e máis a lonxa, e aos barcos que teñen como punto de amarre o porto cedeirense.

Da realización deste proxecto depende o futuro do porto de Cedeira. Así o entenden tanto o sector pesqueiro local como os responsables municipais, que onte mantiveron unha reunión coa titular da Consellería, Rosa Quintana. No encontro tamén se atopaban presentes a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde, Pablo Moreda Gil; o patrón maior, Eduardo González, e a secretaria da Confraría, María Rodríguez.

Os froitos desta reunión comezarán a materializarse nos próximos días co envío por parte da Confraría do orzamento desglosado do proxecto de construción da planta para a fabricación de xeo, valorado en algo máis de 850.000 euros (IVE non incluído). Inicialmente, a Xunta ten a intención de asumir integramente o investimento, para o que ten previsto recorrer ás axudas europeas.

Pablo Moreda Gil valorou este primeiro punto de partida para a realización dun proxecto moi demandado polos profesionais do sector e puxo de manifesto o total apoio da administración local para facer que sexa unha realidade o máis axiña posible. Moreda recordou a importancia que a pesca ten para a economía local e mostrou a súa total disposición a participar en todos os encontros que sexan necesarios para conquerir o devantido obxectivo. Non hai moito o alcalde tamén estivo presente na reunión co presidente de Portos, José Juan Durán Hermida, no que se falou do saneamento do porto e das melloras na recollida de lixo e da iluminación pública.

A Confraría de Pescadores de Cedeira estima nuns 100.000 euros os gastos anuais que está a xerar a actual fábrica polas moitas avarías que ten ao longo do ano -a factura correspondente ao último exercicio superou os 38.000 euros- e polo elevado consumo eléctrico pola utilización duns equipos pouco eficientes desde o punto de vista enerxético, cuxo importe anual está en 55.500 euros. Desde o pósito cedeirense considérase que o futuro da pesca pasa polo funcionamento dunha fábrica que poida dar resposta ás necesidades que demanda a frota, ao tempo que se valora este primeiro compromiso por parte da Xunta para seguir avanzando nese obxectivo.

 

Cedeira comeza a transformar os espazos públicos en escaparates do “street art”

CEDEIRA COMEZA A TRANSFORMAR OS ESPAZOS PÚBLICOS EN ESCAPARATES DO “STREET ART”

O Concello de Cedeira quere transformar os espazos públicos en arte urbano, unha idea que xa é unha realidade no caso da estación de bombeo situada nas inmediacións do parque do Romeiro. Desde hai uns días a devandita construción xa loce un aspecto totalmente renovado grazas a Adrián Taracido Fernández, o artista que recreou nas seis fachadas da estación as paisaxes e as construcións máis representativas do termo cedeirense.

A garita de Herbeira, o castelo da Concepción, a praza de acceso ao Concello, o monumento dedicado á peixeira, a capela de San Antón e o porto son algúns dos lugares que os veciños e visitantes xa poden recoñecer nas paredes exteriores do edificio.

O importe desta primeira intervención ascendeu a 5.687 euros (IVE incluído) e a intención do equipo de goberno é “loitar contra o feísmo nos espazos públicos e crear distintos museos de balde sen paredes nin teitos”.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a grande aceptación da veciñanza con respecto a esta primeira intervención no parque do Romeiro e apuntou que “queremos facer do pobo un escaparate do street art, ademais de que sexa un recurso turístico atractivo que permita coñecer a nosa vila dende outro punto de vista, dende outro lugar máis amable para o ollo do que mira e ve arte onde antes vía feísmo e ve un espazo de relación social mais habitable”.

Adrián Taracido Fernández está vinculado á empresa que creou para a Asociación “Rampla” uns libriños infantís para colorear, baseado no patrimonio de Cedeira, unha idea que contou tanto coa aprobación da entidade como do público ao que ía dirixida.