Cedeira comeza a transformar os espazos públicos en escaparates do “street art”
CEDEIRA COMEZA A TRANSFORMAR OS ESPAZOS PÚBLICOS EN ESCAPARATES DO “STREET ART”
O Concello de Cedeira quere transformar os espazos públicos en arte urbano, unha idea que xa é unha realidade no caso da estación de bombeo situada nas inmediacións do parque do Romeiro. Desde hai uns días a devandita construción xa loce un aspecto totalmente renovado grazas a Adrián Taracido Fernández, o artista que recreou nas seis fachadas da estación as paisaxes e as construcións máis representativas do termo cedeirense.
A garita de Herbeira, o castelo da Concepción, a praza de acceso ao Concello, o monumento dedicado á peixeira, a capela de San Antón e o porto son algúns dos lugares que os veciños e visitantes xa poden recoñecer nas paredes exteriores do edificio.
O importe desta primeira intervención ascendeu a 5.687 euros (IVE incluído) e a intención do equipo de goberno é “loitar contra o feísmo nos espazos públicos e crear distintos museos de balde sen paredes nin teitos”.
O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a grande aceptación da veciñanza con respecto a esta primeira intervención no parque do Romeiro e apuntou que “queremos facer do pobo un escaparate do street art, ademais de que sexa un recurso turístico atractivo que permita coñecer a nosa vila dende outro punto de vista, dende outro lugar máis amable para o ollo do que mira e ve arte onde antes vía feísmo e ve un espazo de relación social mais habitable”.
Adrián Taracido Fernández está vinculado á empresa que creou para a Asociación “Rampla” uns libriños infantís para colorear, baseado no patrimonio de Cedeira, unha idea que contou tanto coa aprobación da entidade como do público ao que ía dirixida.