Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

A compañía Galitoon pecha o sábado o ciclo Teatro Familiar coa obra “Güela Güela”

A COMPAÑÍA GALITOON PECHA O SÁBADO O CICLO TEATRO FAMILIAR COA OBRA “GÜELA GÜELA”

A vila de Cedeira despedirá este sábado (día 16) o ciclo Teatro Familiar coa representación da obra “Güela Güela” no auditorio municipal.

A función, que dará comezo ás 18.00 horas, correrá a cargo da compañía Galitoon, da que forman parte Chisco Casteleiro, Ana Conca, Vicky Pérez e Belén González.

O prezo das entradas é de 2,5 euros e as localidades poderanse adquirir ese mesmo día na billeteira do auditorio.

Trátase dun espectáculo de monicreques que ten como protagonista a unha pequena cegoña, chamada Güily. Na obra reálzase o valor da amizade, da solidariedade e da familia. É unha historia chea de diversión, humor e música.

Exposición do censo electoral

EXPOSICIÓN DO CENSO ELECTORAL

Ante a vindeira convocatoria de Eleccións A Cortes Xerais 2019, e en cumprimento da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral, de 19 de xuño, o Concello de Cedeira manterá un servizo de consulta do Censo Electoral e permanecerá exposta ao público a relación de Mesas e Colexios Electorais deste Municipio do 11 de marzo a 18 de marzo do 2019 de 9.00 h a 14.00 horas.

A consulta do Censo Electoral levarase a cabo de forma presencial, polo propio interesado/a, acreditándose mediante DNI, pasaporte, ou permiso de conducir no que apareza a fotografía do titular.

Non obstante, poderá exercer o seu dereito á consulta a través dos teléfonos da Oficina do Censo Electoral: 981 27 74 39, 981 21 74 26, 901 101 900.

Advírtese da conveniencia de consultar as listas electorais por aquelas persoas que cumpriron recentemente 18 anos de idade, así como os que cambiaron de enderezo nos últimos meses.

Dentro do prazo indicado calquera persoa poderá formular reclamacións sobre os seus datos censais. As reclamacións poderán presentarse directamente na Delegación Provincial da Oficina do Censo electoral ou a través deste Concello, onde tamén se lles facilitarán os correspondentes impresos de reclamacións.

Cedeira licita por 146.896 euros a instalación de redes separativas nas rúas Paz, Silva e Floreal

CEDEIRA LICITA POR 146.896 EUROS A INSTALACIÓN DE REDES SEPARATIVAS NAS RÚAS PAZ, SILVA E FLOREAL

O Concello de Cedeira vén de sacar a licitación a renovación da rede de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal.

Trátase do proxecto que, financiado na súa totalidade polo Deputación da Coruña, transformará a actual rede unitaria de saneamento moi deteriorada, por unha nova separativa ao longo dun tramo de case medio quilómetro no conxunto das tres rúas. O investimento ascende a 146.896 euros (IVE incluído).

As obras consistirán na substitución dos colectores de augas residuais, por outros de PVC, así como na execución dun novo colector exclusivo para pluviais. O prazo de execución será de tres meses e o día 25 de marzo é a data límite para presentar ofertas.

O proxecto tamén contempla a realización dun total de 65 acometidas domiciliarias, a construción de 21 pozos de rexistro fabricados en formigón e o mesmo número de sumidoiros cuxa capacidade de desaugadoiro será suficiente para absorber alomenos o 70% do caudal de referencia.

A obra rematará coa reposición dos asfaltados que poidan verse afectados polas intervencións.