Cedeira licita por 146.896 euros a instalación de redes separativas nas rúas Paz, Silva e Floreal
CEDEIRA LICITA POR 146.896 EUROS A INSTALACIÓN DE REDES SEPARATIVAS NAS RÚAS PAZ, SILVA E FLOREAL
O Concello de Cedeira vén de sacar a licitación a renovación da rede de saneamento nas rúas Paz, Silva e Floreal.
Trátase do proxecto que, financiado na súa totalidade polo Deputación da Coruña, transformará a actual rede unitaria de saneamento moi deteriorada, por unha nova separativa ao longo dun tramo de case medio quilómetro no conxunto das tres rúas. O investimento ascende a 146.896 euros (IVE incluído).
As obras consistirán na substitución dos colectores de augas residuais, por outros de PVC, así como na execución dun novo colector exclusivo para pluviais. O prazo de execución será de tres meses e o día 25 de marzo é a data límite para presentar ofertas.
O proxecto tamén contempla a realización dun total de 65 acometidas domiciliarias, a construción de 21 pozos de rexistro fabricados en formigón e o mesmo número de sumidoiros cuxa capacidade de desaugadoiro será suficiente para absorber alomenos o 70% do caudal de referencia.
A obra rematará coa reposición dos asfaltados que poidan verse afectados polas intervencións.